Política ambiental e progreso social

Alfonso Villares

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

16 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ogran desafío da humanidade pasa por frear o impacto que o cambio climático está a provocar no noso planeta. A este respecto, é necesario que se tomen medidas contundentes, tanto a pequena como a gran escala, para lograr esa adaptación á preocupante situación na que nos atopamos, pero é fundamental que estes pasos sexan coherentes e compatibles tamén co progreso da sociedade. 

A velocidade da transición enerxética é un factor a ter en conta, e que pode supoñer serios riscos para algúns lugares máis vulnerables que outros neste proceso inevitable e necesario para minorar o ritmo actual do quecemento global. A consecución dos obxectivos fixados en materia de clima e enerxía dependerá das decisións políticas que se adopten e da vontade global para alcanzalos. Polo que a complicidade entre os gobernos, as empresas e a sociedade civil é clave para facerlle fronte a esta problemática. Pero nestas liñas tamén quero facer un chamamento ao sentido común, para evitar que estes pasos imprescindibles que hai que dar de xeito coordinado non se volvan na nosa contra, condicionando o benestar social e económico de determinadas zonas, co correspondente risco de desindustrialización do noso territorio. 

É importante buscar esa combinación efectiva das políticas industriais globais co respecto medioambiental; que as medidas que se adopten non se convertan en ferramentas empobrecedoras para a nosa sociedade.

A título individual cada un de nós, como cidadáns, temos encomendada unha función importante a desempeñar neste proceso transformador e que, insisto, creo que deber ser progresivo. E desde a nosa posición, as entidades locais temos que asumir a responsabilidade de promover políticas de concienciación ambiental no noso ámbito, buscando involucrar aos consumidores como axentes activos nesta importante tarefa que todos temos por diante. Porque non hai planeta B. Niso estamos de acordo.

Alfonso Villares, vicepresidente primeiro da Fegamp.