Ugia Pedreira dará un concerto no Instituto Cervantes de París

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

Representará «Rosalía, o ramalho», unha creacion escénica sobre a obra Follas Novas

14 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A cantautora mariñana, de Vilaronte (Foz), e polifacética artista Ugia Pedreira, levará a súa voz e obra a un marco excepcional, o Instituto Cervantes de París, nun acto organizado polo propio ente e a embaixada de España en Francia. Ugia ofrecerá o concerto «Rosalía, o ramalho», que o propio Instituto Cervantes en París presenta así: «Es una creación escénica específica sobre el inicio del libro Follas Novas, de Rosalía de Castro. Pedreira se centra en la Rosalía más sagaz, rebelde, indignada, apasionada y transparente. Una visión construida desde el pensamiento poético de la autora y adornada por su calidad humana».

O concerto será o día 20 de marzo, e está previsto que dure unha hora. No programa figuran oito obras compostas por Ugia Pedreira, sobre os oito primeiros poemas de Vaguedás, de Follas Novas.

Para Ugia é un capítulo máis na súa prolífica carreira, dende que de moi nova se dese a coñecer cos seus primeiros tres discos con Chouteira e despois pola súa labor no Conservatorio de Música Tradicional e Folque (CMTF) de Lalín, cos grupos Marful, Nordestinas, o dúo que formou con Óscar Fernández, o álbum co cantante brasileiro Fred Martins... Ten colaborado e compartido escenario cos máis importantes artistas do panorama musical galego e actuado en varios países.

Fai uns anos asentouse en Rinlo e agora en Castropol, sen perder nunca a súa vinculación coa arte, que difunde, por exemplo, a través da Oficina Galega de Outros Asuntos e Movemento. Segue explorando novos campos artísticos e continúa promovendo agrupacións, como o Coro da Mariña, que codirixe.

Ecocidio no monte

Sobre o traballo que levará a París, Ugia Pedreira explica: «Foi un encargo que me fixeron en Pontevedra para o día de Rosalía. O que fixen foi un paralelismo entre Follas Novas e as follas novas que temos na actualidade, que son de eucalipto. A primeira parte de Vaguedás, de Rosalía, é moi emotiva, escrita dende un punto de vista moi persoal e íntimo, falando da desgraza, das miserias da condición humana. E a partir de aí funme ó ecocidio que estamos vivindo nesta zona no monte, onde estamos matando o solo e o futuro. Musiquei os poemas e levo uns ramallos de eucalipto, para cantar so cunha guitarra, que por certo merquei en París fai un ano. É fundamentalmente, un concerto de arte escénica, de voz, corpo e mínima instrumentalización».

«Levo moitos anos cunha relación estreita con Francia. Parecía como se caera de caixón que tiña que volver a actuar alí. Xa o fixen en dúas ocasións en París, con Marful, e toquei boleros colaborando con David Murray en Niort. A miña familia e medio bretoña, e teño tocado na Bretaña... O que máis ilusión me fai é que vou estar soa no escenario. Tiña moitas ganas de seguir por ese camiño, facer sola composición e interpretación musical, porque é o meu espazo, onde me sinto máis cómoda e realizada. Será moi bonito, si», concluíu Ugia.