O Hospital da Mariña implantará o programa Hermes de citas preferentes

s. c. / L. G. VIVEIRO / SANTIAGO / LA VOZ

A MARIÑA

PACO RODRÍGUEZ

Farao para acelerar as consultas con especialistas nos casos máis perentorios

05 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, anunciou onte na súa comparecencia no Parlamento de Galicia que o Hospital Público da Mariña vai implantar o programa Hermes de citas preferentes, co obxectivo de acelerar as consultas con especialistas.

O titular de Sanidade explicou as novidades sanitarias nos hospitais públicos galegos, entre eles o Hospital Público da Mariña, localizado en Burela.

Polo que respecta á provincia de Lugo, Almuiña destacou que «os hospitais de Monforte e da Mariña contarán con cadanseu laboratorio multicéntrico, que substituirá os tres laboratorios actuais que hai en cada centro. Tamén se implantará nestes distritos o programa Hermes de citas preferentes, que permitirá acelerar o fluxo de pacientes cos especialistas», sinalou.

Xa máis en detalle, o conselleiro de Sanidade destacou o remate «da fase 1B do Plan Director do Hospital da Mariña e a licitación do proxecto técnico de execución das fases seguintes do plan director, de acordo ao novo plan funcional». Así mesmo, destacou o inicio en xaneiro «da obra de reforma de substitución de carpintería exterior e mellora de envolventes térmicas, cun importe de adxudicación de 1,8 millóns de euros».

Ademais, entre outras actuacións a realizar o conselleiro tamén salientou «a reforma de espazos nos servizos de urxencias e un programa de fisioterapia para pacientes crónicos».

O Hospital da Mariña, trala inauguración o ano pasado do edificio novo, está agora a reformar e mellorar o antigo edificio do hospital.

O conselleiro salientou a reforma de espazos en urxencias e fisioterapia para pacientes crónicos