«Gústame mariscar, debo ser masoquista, porque coa ostra matámonos a traballar»

Lucía Rey
lucía rey O VICEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Marisol di que as mariscadoras subiron a taxa de ostra de 80 a 200 quilos diarios para gañar algo máis
Marisol di que as mariscadoras subiron a taxa de ostra de 80 a 200 quilos diarios para gañar algo máis PEPA LOSADA

Marisol Martínez Río, presidenta da Asociación de Mariscadoras do Vicedo e segunda patroa da Confraría do Vicedo, viviu tempos de cartos negros, outros de moitas axudas e os actuais, nos que non lles dan «nada»

25 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que picalas, sacalas da roca, separalas, metelas nos sacos, carretalas monte arriba por un desnivel que roza o 80% antes de que suba a marea, subilas no coche que as leva á Confraría do Vicedo, pesalas, levalas no carriño isotermo ata a lonxa de Celeiro -ás veces en dúas viaxes-, descargalas e cargalas para que as leven para Cambados. Así se resume o laborioso proceso de extracción da ostra que completan unha media de sete días ao mes os sete mariscadores (6 mulleres e un home) que quedan no Vicedo. A presidenta da asociación que as agrupa, Marisol Martínez Río, expresa ben o que senten. «Gústanos ir mariscar, debemos ser masoquistas, porque coa ostra matámonos a traballar, pero gústanos vir cansadas, gañar os cartos e divertímonos contando anécdotas», sorrí.

-Pódese vivir do marisqueo agora mesmo no Vicedo?

-As que quedamos oscilamos entre os 58 anos que teño eu, que son a máis nova das mulleres, e os 61; e o máis novo é un rapaz de 35. Levamos moito tempo aí, cotizando, e estamos a ver se terminamos, se damos feito, porque o marisqueo dá para pagar o seguro e pouco máis. E menos mal que cando desapareceu a coquina nos saíu a ostra por varios sitios, porque senón non sei como iamos facer. O marisqueo aquí agora non é para vivir nin de broma.

-Vostede comezou nos oitenta, e viviu anos de vacas gordas e de vacas fracas...

-Daquela ía todo o mundo. O que non tiña un traballo noutro sitio ou nunha empresa ía mariscar, amas de casa máis ben, porque non era obrigatorio cotizar e era un bo complemento en negro. Moitos mariñeiros, por exemplo, antes ían ao mar e logo á coquina. Daquela había menos medios, porque hoxe estamos equipadas con botas de neopreno, traxes de auga que non te deixan ter frío. Hoxe temos a nosa Seguridade Social, a nosa baixa. Hai 20 ou 25 anos daban subvencións para todo, pero hoxe en día diso non hai nada. Non nos dan «na da». O isotermo non pasaba a ITV e tivemos que comprar un nosoutras: 6.000 euros. E ata as bolsas de rede temos que pagar. Mil válennos 250 euros.

Marisol Marínez Río naceu en Ortigueira no 1962, pero vive no Vicedo desde que casou. Ama de casa e nai de dous nenos, comezou a mariscar hai case 30 animada por unha cuñada, Faustina Solloso (falecida), que presidiu a Confraría do Vicedo. «Sabía moverse moito e pedir a quen tiña que pedir, aos políticos», recoñece.

Marisqueo heroico. As mariscadoras do Vicedo extraen ostra na beira lucense da desembocadura do río Sor en condicións moi duras
Marisqueo heroico. As mariscadoras do Vicedo extraen ostra na beira lucense da desembocadura do río Sor en condicións moi duras XAIME RAMALLAL

«Así que nos retiremos as que estamos, creo que o marisqueo a pé no Vicedo acaba»

Ningún dos fillos de Marisol Martínez, un é médico e o outro é policía nacional, relevará a súa nai nas praias collendo marisco. «Isto vaise acabar porque a xente non quere isto. Non hai perspectivas de que chegue ninguén. Xente nova non vai entrar porque se vén un día ao traballo que temos nós a maioría non volve outro. Non sei o que vai facer o rapaz, que é máis novo, se vai seguir ou non, pero penso que así que nos retiremos as mulleres que estamos, creo que o marisqueo a pé no Vicedo acaba», expón a muller.

«Recordo o contentas que viñamos pola praia cando pillabamos a taxa de coquina en 2 horas»

-Cal é o mellor recordo que ten destas tres décadas mariscando?

-Houbo unha tempada con moita coquina. Iamos case de noite para a Punta da Barra, en Arealonga, nunhas mareas grandes, que baixaba o mar cento e pico metros. E recordo o contentas que viñamos pola praia porque pillabas a taxa en dúas horas e sabías que traías uns cartiños para a casa. Creo que eran cinco quilos e chegáronas a pagar a 42 euros. Falamos moitas veces da alegría que tiñamos daquela.

-Pero a coquina desapareceu...

-Ultimamente colliamos un cuarto de quilo, e logo deixamos de ir. Haberá un ano un día fomos ao Lombo das Navallas, en Arealonga, e non encontramos a primeira, nin pequena nin grande. Este ano fomos un pouco á ameixa xapónica, pero só 5 ou 6 días porque temos moi pouca e morreu, e un par de días á fina antes do Nadal, porque tamén temos pouca e as mareas non axudaron.