Intervención da alcaldesa no centenario do Pastor Díaz

María Loureiro

A MARIÑA

19 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Moi boas noites e moitas grazas por estar aquí, nesta velada tan especial para o Concello de Viveiro. Tócame pechar a queda de intervencións e teño que empezar por suposto dando as grazas a todas e todos os que pasaron polo escenario durante este fantástico acto. Un acto que non será o último para festexar o centenario desde teatro, senón que nos próximos meses celebraremos novas actividades conmemorativas. E dixen festexar porque cando un cumpre cen anos e os viviu de forma tan intensa como este teatro, as persoas que fomos testemuñas de parte da súa existencia estamos na obriga de festexalo. O Pastor Díaz, non vou descubrir nada novo, é un dos nosos edificios máis emblemáticos, patrimonio histórico e cultural da nosa vila. Estou convencida de que dentro dun século o telón deste escenario subirá de novo para celebrar os seus 200 anos. Este teatro é emblemático por moitos motivos. O primeiro deles polo seu nome, xa que serve para inmortalizar a figura dun dos viveirenses máis ilustres, Nicomedes Pastor Díaz, nado en Viveiro no ano 1811 e que se caracterizou por unha traxectoria polifacética.

Foi ministro, embaixador, poeta, novelista e xornalista. Unha das figuras intelectuais máis relevantes do século XIX en España sen esquecer nunca a súa orixe galega, ata o punto de que outros autores como Manuel Murguía recoñeceron que os seus poemas animaron aos poetas galegos a escribir na súa lingua nai. Quero tamén lembrarme por suposto doutro veciño noso, Nemesio Barreiro Casal, industrial do chocolate que tivo a doce idea de impulsar a construción deste teatro no ano 1918. As obras remataron un ano máis tarde co obxectivo de que o edificio albergase obras de teatro, sesións de cine ou baile. Como ben lembra sempre o noso cronista oficial, Carlos Nuevo, foi unha época moi mala, xa que a construción do teatro coincide coa primeira Guerra Mundial e coa gripe de 1918, que matou a máis de cen viveirenses. Durante as décadas seguintes, o teatro pasou por varios donos aos que tamén temos que estar agradecidos, persoas como José Veiga Candia, Antonio Rivera Fanego e Jorge Naval Parapar, que co seu traballo mantiveron vivo o edificio ata que foi adquirido polo Concello de Viveiro en decembro do 1988.

É a desta noite unha boa ocasión para agradecer o esforzo e o impulso da asociación cultural Sementeira, que fixo unha campaña para promover a adquisición do teatro por parte do concello. Como ben sabedes, o teatro estivo pechado oito anos na pasada década dos noventa ata a súa rehabilitación, cun custo de 200 millóns de pesetas. Foi reinaugurado no ano 2001 e hoxe temos esta xoia a pleno rendemento, accesible a todos os veciños e veciñas e convertido no epicentro da vida social de Viveiro, xa que o Pastor Díaz acolle a maioría das actividades culturais do Concello e tamén as organizadas polo seu tecido asociativo. Como concello que aposta pola cultura como prioridade educativa e de ocio, seguiremos a traballar para que o Teatro Pastor Díaz manteña unha variada programación anual para todas as idades de teatro, música ou baile, a gran maioría en galego e con forte presenza de grupos locais. O traballo feito pola promoción cultural é moi necesario e da moi bos resultados, que se reflicten na masiva asistencia ás actividades.

Esta boa resposta pola vosa parte aumenta a nosa responsabilidade de mellorar e seguir medrando. Hai poucos praceres mellores que a sensación de sentarse nunha butaca e deixarse sorprender cando se apagan as luces e sube o telón. Por iso, cando un concello ten a sorte de ter un lugar como o Teatro Pastor Díaz está na obriga de darlle contido, coa satisfacción de que eses contidos serven non só para momentos de ocio, senón tamén para transmitir ás novas xeracións a importancia de asomarse á fiestra da creación, da arte, da cultura, en definitiva, da reflexión e da propia vida. Dixo Federico García Lorca que o teatro é poesía que sae do libro para facerse humana. Para os veciños e veciñas de Viveiro, sirva a comparación, o teatro Pastor Díaz e tamén un viveirense máis. Fíxose humano e ten vida propia. Feliz cumpreanos e que cumpras moitos máis. Grazas e boas noites!