Cen anos do Teatro Nemesio en Viveiro

Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro ESPECIAL CENTENARIO

A MARIÑA

PEPA LOSADA

22 ene 2020 . Actualizado a las 15:08 h.

En 1918 o industrial viveirés Nemesio Barreiro Casal, quen xa tiña certa experiencia co cinematógrafo ao ter participado como socio en 1915 na empresa «Ideal Cinema» que proxectaba as súas películas no teatro vello da vila, decidiu construír un novo coliseo dedicado a salón de baile, teatro e cine. Con esta finalidade mercou a finca con dúas casas que foran vivendas do frade exclaustrado Vicente Formigo García. Logo de derrubar os edificios que daban polo fronte á actual Rúa Constanza de Castro, e pola parte de atrás, á Rúa Luís Trelles, Nemesio Barreiro dispúxose a construír un novo coliseo, pese ás dificultades do momento, pois non debemos esquecer que anos antes Europa estaba sumida na primeira gran guerra (1914-1919). Aínda que España permaneceu neutral, os alimentos básicos e os materiais de construción escaseaban moito, dando lugar a múltiples protestas populares pola falla e carestía das subsistencias básicas. Ademais, nese mesmo ano declarouse a pandemia mundial da gripe que afectou gravemente a Viveiro, con máis dun centenar de defuncións.

Coas obras iniciadas, os traballo de construción paralizáronse durante unha tempada por mor dun accidente de moto que sufriu o noso protagonista. Malia a todas as dificultades Nemesio Barreiro foi capaz de promover un moderno e funcional teatro, que fora proxectado polo arquitecto da Deputación provincial Mario Páez. Da realización das obras encargáronse as cuadrillas de Manuel Díaz Basanta, mestre canteiro e Manuel Cora Rei, carpinteiro ebanista. Os decoradores foron o pintor mindoniense José Rodríguez González e mailo artista e ceramista viveirés Joaquín Ávila Acevedo, «Quinco».

O novo coliseo contaba con amplo «hall», «ambigú», vestíbulo, sala de proxeccións, patio de butacas, anfiteatros, palcos plateas, proscenio e xeneral (as populares cazolas). Segundo refería o Heraldo de Vivero (4/1/1920), a capacidade do teatro era moi grande: «En la Entrada general pueden tener asiento 300 espectadores; en los Anfiteatros 250 y en el Patio de butacas 250. Tienen, además, 8 Palcos plateas de 6 asientos y dos de 3 id; 55 sillas de palco y dos Palcos proscenios de 10 asientos. ¡El pueblo entero cabe en el teatro!.»

A inauguración do Teatro tivo lugar o 18 de xaneiro de 1920, coa proxección da película El Lobo, cinta dramática en catro partes, exclusiva da produtora francesa «Gaumont» e na que desempeñaba un rol destacado o artista italiano Giovanni Grasso. Puxéronse tamén en pantalla a película cómica Robustiano quiere casarse, e unha fermosa vista panorámica titulada: En el alto Egipto.

Malia todas as dificultades, foi capaz de promover un moderno e funcional teatroXunto coas sesións dos domingos, o Teatro Nemesio ofrecía ao público un abono especial para concorrer á función dos xoves, dedicada á moda. As tempadas de cine comezaban no mes de setembro e remataban ao final da primavera, reducíndose os veráns a algunha proxección esporádica ou as funcións de teatro e varietés para agasallar aos forasteiros e veraneantes.

No Teatro Nemesio tamén se organizaban bailes en distintas festividades como Fin de ano, Reis, O Entroido… Para a súa realización a empresa do teatro utilizaba uns gatos mecánicos coa finalidade de igualar o piso do chan co escenario. Estes bailes, animados por distintas «orquestinas» perduraron até finais da década dos 50.

O decorador Marcial Souza

Debido á competencia que orixinara a posta en funcionamento do novo Teatro Moderno de Antón Cociña, Barreiro mercou unha nova máquina de proxeccións e realizou novas obras no seu coliseo contratando en 1924 ao afamado decorador Marcial Souza, establecido na Coruña. Barreiro tratou de complementar os pases cinematográficos con sesións de «varietés» para facer máis atractivos os espectáculos. Deste xeito foron centos as películas de cine mudo proxectadas, nas que destacaban actores de prestixio internacional como Harold Lloyd, Buster Keaton, Harry Lagdon, Charles Chaplin…

Vendeuse en 1930 aos orteganos Jesús Fojo Díaz e aos irmáns Fernández LosadaAgora ben, o prato forte eran as compañías teatrais, as zarzuelas e operetas de carácter profesional, así como os coros musicais e os grupos teatrais de afeccionados que representaron gran número de obras dramáticas.

Finalmente, Nemesio Barreiro venderá o teatro o 22 de decembro de 1930 aos orteganos Jesús Fojo Díaz e aos irmáns Melquisedec e Antonio Fernández Losada.

Durante os anos da República (1931-1936), a nova empresa tratou de manter basicamente a liña marcada por Barreiro, pero a baixa calidade de moitos dos filmes e o pouco nivel dos músicos da banda contratados para animar as películas mudas, orixinaron protestas entre o público, protestas que irían a máis cando os empresarios do cinema decidiron subir os prezos. As tensións foron en aumento até que na primavera de 1933 a rapazada viveiresa fixo unha pequena folga no Cantón da Praza esixindo a implantación do cine sonoro. Debido á forte polémica existente decidiron adquirir un equipo completo «Baner» de procedencia alemana para a instalación definitiva do cine sonoro e falado.

A primeira película sonora que se proxectou no Nemesio foi El congreso se divierte. Malia a sona que tiña a película foi un fracaso debido ás moitas interrupcións producidas polo altofalante do escenario.