Lara Méndez: «Temos a sorte de ter unha provincia riquísima a nivel gastronómico»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Este sábado, ás 12.00 no peirao de Foz, a alcaldesa de Lugo será a encargada de abrir a 17ª Festa do Berberecho

16 ene 2020 . Actualizado a las 22:39 h.

Dado que a 17ª Festa do Berberecho de Foz, esta fin de semana, se dedica ao Concello de Lugo, a súa alcaldesa, Lara Méndez, nada en Suíza pero de fondas raíces familiares na Mariña, será a encargada de dar o pregón (sábado 18; 12.00 horas, peirao de Foz).

-Coñece de sobra esta festa.

-Coñézoa en diferentes facetas. Primeiro, é unha festa de renome que sobrepasa a Mariña e a provincia. Segundo, teño desfrutado dela como unha veciña máis. E terceiro, teño ido como vicepresidenta da Deputación, a nivel institucional, varias edicións. Este ano teño ademais a honra de ser a pregoeira ao dedicar a 17ª edición ao Concello de Lugo.

-Como lle gusta este produto?

-Elabórase de moitos xeitos pero como máis me gusta, ao vapor. Gústame o sabor natural, ese sabor a mar que teñen. A ameixa, o mexillón... ao vapor, persoalmente é como máis ricos están.

-Dentro das festas, esta xa cumpre 17 anos. É das veteranas aínda que pareza que foi onte!

-O tempo pasa rapidísimo! Pero aínda me lembro cando nacera a festa do ourizo en San Cibrao. Hai festas que teñen o distintivo de interese turístico de Galicia, son festas identitarias da nosa gastronomía. Temos a sorte de ter unha provincia riquísima dende o punto de vista gastronómico, do mundo do mar, da carne, dos lácteos, produtos ecolóxicos... Estas festas son identificativas de que sabemos sacarlle o potencial; ademais de poñer en valor o produto se dan a coñecer os municipios e os concellos, polo que tamén teñen ese cariz de promoción turística das vilas que atraen a moitísimo público.

-Aquí un apoio clave é o da Escola de Hostalería. Que lles diría?

-Que aproveiten estas iniciativas para poñer tamén en valor o seu traballo, unha profesión que moitas veces ten as dificultades, por exemplo, dos horarios, pero hai que prestixiala. Son unha oportunidade moi boa estes escaparates. A profesión está tendo un maior recoñecemento e estes eventos contribúen a elo.