«A intranquilidade cidadá medra porque os sucesos volvéronse habituais en Burela»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O presidente saínte do colectivo O Vencello, con 550 socios, urxe a convocar unha mesa de seguridade e pide unha solución para os problemas da depuradora e do cemiterio municipal

18 dic 2019 . Actualizado a las 21:25 h.

Alberto Rapa deixará este venres 20 o cargo de presidente da asociación veciñal O Vencello de Burela, cuns 550 asociados. Ese día, ás 20.30 horas, celebrarase unha asemblea extraordinaria na que a directiva saínte fará balance dos seus catro anos, entregará as contas definitivas e faralle o traspaso de poderes á nova xunta directiva (completamente renovada), que estará capitaneada por Bríxida Pino.

—Nós estamos á disposición da nova xunta, tanto neste período de transición como máis adiante.

—Marcha como presidente, pero segue como socio. Que asunto cre que é máis urxente abordar?

—É necesario facer algo para que volva a tranquilidade á veciñanza. Os sucesos rexistrados nos últimos tempos teñen asustada á poboación. Como xa fixemos hai meses, seguimos pedindo que se tomen medidas e se convoque dunha vez por todas a mesa de seguridade cidadá para intentar paliar este problema. No último suceso veuse a coordinación dos órganos de seguridade, pero existe medo e incertidume entre os veciños e nos negocios. Incluso nalgún negocio nos comentaron que se plantexaban cerrar antes polas noites. A intraquilidade cidadá medra porque os sucesos volvéronse habituais en Burela. Paréceme bastante perigoso. Estes días a xente estaba un pouco intranquila. É un tema importante como para deixar de intervir.

—En que temas lle gustaría que seguira traballando a nova xunta?

—Gustariame saber que vai pasar finalmente coa proposta de cambio de nome da rúa Eijo Garay; gustariame que se continuara co centenario das escolas vellas para que de cara ao 2024 se vaian facendo distintas accións: creo que é importante que na medida do posible se siga dando información aos cidadáns, como fixemos coas charlas sobre cláusulas solo, hipotecas, impostos... Non queremos facer o traballo dos políticos, pero hai cousas nas que creo que a asociación debera seguir facendo fincapé para que o equipo de goberno traballe na búsqueda dunha solución, como é o caso da estación depuradora de aguas residuais (EDAR). Non podemos seguir tendo este problema nun pobo de case 10.000 habitantes. Tamén necesitamos un pavillón multiusos propiedade municipal para poder facer máis cousas. Neste sentido, creo que a vantaxosa situación económica do Concello permitiría facilitar acordos con outras Administracións. Gustariame que se arreglara o tema do cemiterio municipal; é un problema que vén de hai moitos anos e seguimos reclamando unha ordenanza de xestión do cemiterio, que complementaría á fiscal, que xa existe.

 

«Queriamos que O Vencello fose unha ponte entre veciños e Administración»

Alberto Rapa agradece o esforzo e o traballo «impagable» da xente que formou parte da xunta directiva nestes catro anos, «cun recordo moi especial para José, o noso vicepresidente, tristemente falecido». O presidente en funcións está satisfeito de ter retomado as excursións e as viaxes dun día. Con respecto a plans futuros, Rapa adianta que, aínda que non estea na directiva, sempre colaborou e seguirá colaborando co club Imaxe, ademais de estar implicado no fomento e na divulgación do alfombrismo de Burela.

—Que balance fai deste mandato no Vencello?

—O balance téñeno que facer os veciños. Con respecto ao traballo da directiva, voume coa conciencia tranquila sabedor de que fixemos todo o que puidemos. Seguro que cometimos erros, seguro que debimos facer máis fincapé nalgunhas cousas... pero sempre intentamos mirar polo benestar dos veciños. Queriamos que O Vencello fose unha ponte entre veciños e a Administración.