«Na Mariña temos moitos recursos sen explotar a nivel turístico, de produción e emprendemento»

Lucía Rey
lucía rey A PONTENOVA / LA VOZ

A MARIÑA

O teletraballo é clave no éxito da empresa de márketing que creou hai 7 anos a pontenovesa Verónica Ramallal Trevín

16 dic 2019 . Actualizado a las 07:42 h.

Aínda que o futuro de Alcoa está no aire e Muebles Hermida acaba de entrar en concurso de acredores, entre outros, hai un «universo de posibilidades» ao alcance da Mariña para «minimizar un pouco dalgún modo o que vaia pasar». Diso está convencida Verónica Ramallal Trevín (A Pontenova, 1985), que desde hai oito anos dirixe Pekecha, unha exitosa empresa de comunicación e márqueting dixital que realiza traballos para institucións, empresas e particulares, e ten no teletraballo unha das súas claves.

-Son días de incertidume para A Mariña...

-Certo, pero creo que temos unha oportunidade enorme nas mans porque temos un entorno privilexiado e único, e moitos recursos que están sen explotar a nivel turístico, de diversificar modos de produción ou de novos formatos de emprendemento que nós mesmos non valoramos porque están aí de sempre e nunca se lles viu utilidade. Tendemos a obcecarnos no malo en lugar de ir dous ou tres pasos por diante intentando reubicarnos no mercado, nas novas tendencias e no que se demanda... É verdade que moitas destas situacións colléronnos de golpe, non houbo un período de transición. Queda un traballo longo por percorrer porque hai pouca conciencia aínda, pero estanse dando os primeiros pasos.

-Para iso hai que transformar o medo en alento...

-Cando saín da Pontenova despois de estudar no colexio e no instituto, custoume moito cambiar determinadas mentalidades que tiña de cativa, máis de medo, de inseguridade... para dar pasos profesionalmente. Tiven a sorte de poder saír, ver outros modelos e facelo.

-No seu perfil defínese como «soñadora», dirixe Pekecha, imparte clase nun máster da USC e na facultade de Económicas, esta semana participou no Encontro de Emprendedoras do programa Emega en Santiago... Como se organiza?

-Fixen a licenciatura de Comunicación Audiovisual, o Máster de Comunicación de La Voz, o CAP e o doutoramento, pero sempre digo que fun vítima dunha «titulitis» que me levou a participar e estar en moitos medios, pero non acaba de atopar o meu espazo nin de funcionar realmente todo o ben que a min me gustaría. E era porque non se activara esa chispa que eu digo, a da «paixón de tempo voando». Fago 14 horas ao día de traballo e a xente dime: «É unha barbaridade o ritmo que levas», pero eu digo: «Pois eu son feliz». Ás seis da mañá xa me levanto pensando que fou facer hoxe. Como son un pouquiño cu inquieto, estou moi metida en temas de emprendemento e marca persoal. Son docente nun máster da USC, na facultade de Económicas e nos programas de emprendemento da Escola de Organización Industrial.

Ramallal traballa como docente para a USC e na Escola de Organización Industrial

«Nós traballamos por dar resultados aos clientes, non por quentar unha silla oito horas»

En Pekecha, unhas 15 persoas axudan ás empresas a comercializar mellor e optimizar as ferramentas dixitais, a empatizar cos proxectos e a transmitir o seu valor diferencial, como destaca Ramallal.

-Moitas empresas buscan vilas ou cidades, pero Pekecha sigue na Pontenova... Cre que o rural pode «triunfar» neste mundo global?

-Estou totalmente a favor diso, e mesmo creo que funciona moitísimo mellor porque che dá maior capacidade de conectar realmente con ese concepto máis familiar, dun tempo máis pausado, de pensar máis as cousas, de escoitar máis, que é súper importante. Ás veces a tecnoloxía estanos levando a correr e facer cousas, pero sen poñer os pés na terra. Nun lugar pequeno sabes o que lle preocupa á xente, e iso ao final dáche moitísimos recursos.

-De aí o teletraballo...

-Teño compañeiros aos que ao mellor non vexo en 15 días, pero iso non implica que non se entre na web, que non se faga a campaña... Todo funciona, todo está rodado. Usamos moitas ferramentas de traballo dixital en liña con proxectos por se ao mellor un chico está en Santiago, outro por conciliar ten que ir a Vigo uns días... Nós traballamos por dar resultados aos clientes, non por quentar unha silla oito horas.