Biomasa e celulosa para As Pontes


Como non se nos terá ocorrido antes volver falar da Celulosa das Pontes?

Agora que, día si e día non, os políticos e os sindicatos dos traballadores intentan buscar unha solución ao peche e final da térmica de Endesa, queremos repetir o que dixemos xa hai moitos anos os produtores forestais e as súas asociacións: sería necesaria e suficiente unha grande fábrica de celulosa nas Pontes, que se estendería ao papel e derivados, consumindo unha grande cantidade de biomasa para xeración de enerxía eléctrica, aproveitando as inmensas instalacións industriais existentes, que van ficar valeiras ou inoperantes. E con moito máis espazo próximo e inútil se fixese falta.

Nas Pontes temos auga máis que suficiente, e sobre todo a proximidade de zonas de alta produción da máis rica materia prima do país, a madeira, no Norte de Coruña e Lugo, especialmente o eucalipto, do que sobra un excedente anual de máis de dous millóns de toneladas, sen contar o que se leva acumulado nos últimos anos.

Se cortamos dez millóns de toneladas de madeira o último ano, o 30 % supón tres millóns de toneladas de biomasa só das cortas, quere dicir, cento vinte mil camións, a trescentos por día. Teriamos que mesturar esta biomasa con outro combustíbel, sexa gas ou lodos, ou o que se poda, menos o fósil. E entón, esa biomasa tería tamén un prezo para o produtor forestal, aínda que fose pouco e non causase alegría á concorrencia de Greenalia e outras empresas, que por certo, non pagan nada polas pacas no monte.

Endesa, segundo a publicidade actual, -moi a tempo do cumio de clima de Madrid-, quere lavar a súa conciencia de ter sido moi contaminante, co impulso das enerxías renovábeis. Pois mira que ben, se ademais da eólica e solar, lle dá por transformar a fábrica das Pontes nunha grande consumidora de biomasa e produtora de pasta de papel, porque daquela cobraría primas de premio ecolóxico en vez de multas e taxas ou impostos por ceibar CO2 á atmosfera. Sería só fume, cuxo carbono fixarían as plantas.

Se estamos ante un fin de ciclo logo de 70 anos funcionando, no caso das fábricas de Pontevedra, As Pontes e San Cibrao, é obvio que hai que transformalas. No caso das Pontes, esa fábrica de celulosa alimentada con biomasa forestal ou bio-enerxética producida en terreos máis pobres, tería os postos de traballo asegurados na zona, así como dos antigos transportistas do carbón, que poderían levar a biomasa e a madeira, cambiando as plataformas e con grúas. Con boas comunicacións por estrada a menos de 100 quilómetros. E todos contentos, con grande mellora medioambiental.

Non correrá perigo esa fábrica de quedar debaixo das augas, como din que lle pasará á de Lourizán en 30 anos, nin sequera con tan grande lago cerca. Sempre se poderían construír diques como nos Países Baixos, en todo caso.

Pode parecer isto inxenuo e propio dun de letras, mais non é ningunha parvada propoñer a Endesa, por agora a dona das instalacións, que con inversores privados ou institucionais, da Xunta, por exemplo, transforme todo aquilo, incluída cheminea e cubas, nunha grande fábrica que utilice enerxía renovábel e limpa, para producir celulosa e papel ou derivados, non plástico. Daría unha imaxe moi positiva. Así polo menos teriamos unha empresa en Galicia que consumise a materia prima de millares de produtores forestais galegos. E madeira hai para iso e máis. Dígolle-lo eu.

Ramón Reimunde preside Promagal.

Se estamos ante un fin de ciclo, no caso das fábricas, é obvio que hai que transformalas

A biomasa tería tamén un prezo para o productor forestal, aínda que fose pouco

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Biomasa e celulosa para As Pontes