«O recorte nas cotas de pescada no 2020 suporía perdas de case 40 millóns no sector da Mariña»

La Voz BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

12 dic 2019 . Actualizado a las 22:25 h.

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, lamentou onte a proposta de totais admisibles de capturas (TAC) e cotas presentada por Bruxelas para 2020 en especies como a pescada, posto que tería un importante impacto na economía galega e especialmente na Mariña lucense, que podería ter que soportar arredor do 70% do total do impacto económico que esta medida tería en Galicia.

No caso deste recurso, explicou a representante da Consellería do Mar durante a apertura do I Congreso Nacional de Artes de Pesca en Burela, só na economía lucense a perda de ingresos roldaría os 40 millóns de euros, segundo un estudo elaborado polo Executivo galego e que a titular de Mar, Rosa Quintana, xa lle entregou tanto ao Goberno central como á Comisión Europea de cara á negociación dos TAC e cotas que se celebrará a próxima semana en Bruxelas.

A pescada é unha das especies máis importantes para a frota e os portos lucenses e a redución de cotas proposta polo Executivo comunitario -un 20% de media entre augas do Cantábrico Noroeste e Gran Sol- suporía unha baixada nos ingresos dos barcos con porto base na Mariña de 11,3 millóns de euros, unha cifra que sobe ata os 16,3 millóns contando todas as descargas desta especie nas lonxas da Mariña, independentemente do porto base que teñan os buques que realizaron esas capturas. De feito, a frota lucense sufriría o 75% da perda de ingresos do conxunto dos barcos galegos na pescada (que ascende a 15 millóns de euros).

Esta perda de ingresos directa sumada á influencia que o sector pesqueiro ten noutras ramas de actividade da economía, elevaría o impacto a 38,3 millóns de euros no conxunto da economía mariñá. A medida afectaría a máis dun milleiro de tripulantes e tería unha incidencia nos seus salarios de 4,2 millóns.