Estíbaliz Veiga: «Estou coñecendo verdadeiros lugares máxicos e incribles»

Estreou na canle autonómica o espazo que ensina Galicia dende «os seus ollos»; A Mariña sae o día 16


BARREIROS / LA VOZ

Con raíces fondas e sentimentais en Celeiro de Mariñaos, a actriz barreirense Estíbaliz Veiga acaba de mergullarse nunha nova aventura dentro da súa carreira. A última incursión televisiva da mariñá leva por título Un país en 360, programa de Adiviña Producións baixo a dirección de Jorge Algora, que entraba onte á noite nas casas galegas a través da TVG en horario de máxima audiencia (emítese os luns ás 22.00 horas) coa estrea dedicada á Ribeira Sacra. O seguinte capítulo será o vindeiro 16, o da Mariña, e continuará nesta orde: Oseira, Lugo, A Coruña, Costa da Morte e Parque das Illas Atlánticas. A novidade é o formato no que foi gravado, incorporando nun concepto multiplataforma en España a denominada estereoscopia.

-Como prevé «o parto»?

-Aínda será de noite [por onte], porque nos debemos ao noso público, á nosa audiencia. Para min esta experiencia foi das máis gratificantes que tiven nos 20 anos que levo de traxectoria profesional, pero ata que saia o primeiro capítulo e se teste cos que están na casa estou con todos os dedos cruzados.

-Fixo algún ritual de sorte en particular para que sexa exitoso?

-Simplemente mirei para o ceo e pensei no meu avó.

-Debe de ser emocionante sacar adiante un proxecto así...

-Efectivamente, é emocionante porque non só achegamos as nosas tecnoloxías aos usuarios e ás súas casas, senón que tamén nós imos con eles ás súas propias casas. De feito, estivemos sobrevoando co dron as casas dunhas mulleres de Zobra, por exemplo, onde vían onde tiñan o seu galiñeiro, a súa horta... e para min iso é realmente entrañable, pois recórdame o cariño que lle tiña meu avó á súa casiña naquela época dos 90, na que se levaban tanto as fotografías aéreas e a cada un lle gustaba ter unha. Neste programa atopámonos con esa xente que ten ese amor á súa casa, a que, con tanto esforzo, e a base de traballo duro, foron construíndo. Tamén mesturamos persoas, profesións, lugares, rural, urbano... e achegámonos moi de preto á súa forma de vida, sexa co dron, coa realidade virtual, nun 360? ou dun xeito totalmente convencional. Mesturando iso, as novas tecnoloxías e a xente do noso «país en 360?»... claro que é emocionante!

-Ás veces dise que en Galicia non valoramos o suficiente o noso. Servirá isto para darlle a volta?

-Este programa amosa o patrimonio paisaxístico, histórico, cultural e etnográfico, todo canto hai. Todos temos eses puntos que coñecemos da nosa Galicia, pero eu mesma, que me movo moito, estou coñecendo verdadeiros lugares máxicos, de paisaxes incribles e inexplorados. Velos a través dunha cámara 360? dende a casa é realmente impresionante. Poden ver a través dos meus ollos, como o poema de Rosalía Vista dos meus ollos. Eu levo a cámara, busco planos (cun equipo detrás obviamente), busco os recunchos... Vou contar unha sorpresa que se pode dicir: subinme ao faro de Illa Pancha de Ribadeo por unhas escaleiras fermosas de forxa de Sargadelos, metinme por un buraco e, dende alí arriba, fixen planos que ninguén ten.

-Viviu algunha anécdota tamén a «nena» que leva dentro?

-De feito, a cativa que vive en min é a que fai o programa. Ando escapada ás veces do resto do equipo, a «cabriña de Celeiro» está presente todo o tempo, buscando alturas ou pensando: «isto ten que velo a xente, ten que experimentalo comigo».

-Pasoulle factura algunha peripecia con «Un país en 360?»?

-Non! Estou enteira! Teño caído máis na miña propia casa. Fixen todo tipo de deportes: foil surf en Ribadeo, barranquismo nas pozas de Melón, snorquel nas illas Cíes, bicicleta eléctrica en Vigo... Hai moitas cousas en cada programa que son xeniais. Ademais, é a primeira vez en España que se fai un formato deste tipo, con esta tecnoloxía. É algo arriscado, pero confiamos en que incluso todos aqueles que queiran viaxar dentro da nosa Galicia poidan sacarlle partido, pois imos colgar tamén parte dos capítulos na canle de YouTube da TVG, para poder ver en 3D e 360?.

-A ver se vai producir algún que outro «efecto As Catedrais»...

-Sempre repito isto: non é unha postal, é unha paisaxe viva que debe ser coidada, respectada e medida. Así que todo o mundo que se achegue aos lugares que nós amosamos ha de ir con esa perspectiva de coidar o contorno, porque só temos un planeta, e eu, que son superecoloxista, vivo con esa premisa dende que me ergo ata que me deito.

-Xa sabemos que as comparacións son odiosas sempre, pero... podemos chancear dicindo que é a nosa «Calleja galega»?

-[Sorrí]. Si, xa mo teñen dito!

«Esta experiencia foi das máis gratificantes que tiven en 20 anos de traxectoria»

«É a primeira vez que se fai un formato deste tipo. Somos pioneiros con esa tecnoloxía»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Estíbaliz Veiga: «Estou coñecendo verdadeiros lugares máxicos e incribles»