O patrón dos cociñeiros

Miguel Vila Pernas CUNQUEIRIANA

A MARIÑA

Xaime Ramallal

02 dic 2019 . Actualizado a las 14:52 h.

Busco información sobre o patrón ou patroa dos cociñeiros e atopo varias propostas. Ata aseguran que San Lourenzo leva ese padroado, malia que o santo non cociñase nada, que se saiba, antes de ser sometido ao martirio da grella. Cunqueiro propoñía a San Xosé Cupertino en Teatro Venatorio y Coquinario Gallego, obra escrita a catro mans co laurentino Francisco Fernández del Riego e que moitos coñeceran mellor pola edición de Espasa titulada Viaje por los montes y chimeneas de Galicia: Caza y cocina gallegas: «Y di con San José Cupertino, el volador, -escribe o mindoniense- que es tan sabido que estando en cocina, aduciendo los adobos, o en refectorio, poniendo plato, se iba literalmente nuestro santo al Cielo, solamente impedido por el techo y las asentadas vigas». O mérito máis coñecido do santo era que levitaba, tal como di o mindoniense. Tanto se erguía no ar que, segundo indica o pai Eliécer Sálesman no libro Vidas de Santos, que ao de Cupertino acabaron prohibíndolle entrar no refectorio do convento cando estaban alí o resto dos frades, xa que, como di Cunqueiro, tiña unha natural tendencia á levitación, espectáculo que, imaxino, non consideraban propio do monacato.Calquera cociñeiro actual daría o que fose por ter a facultade de Cupertino e saír á sala do restaurante cos pés unha cuarta por derriba do chao. Pero digo eu que os cociñeiros galegos podían tirar da nosa rica toponimia para elixir patrón.Igual lles sae patroa. Santa María sería moi axeitada. Hai que pensar que ela cociñaba no fogar familiar, unha vez que os textos acreditan as facultades de San Xosé coa madeira, pero nada din das súas aptitudes culinarias.Ademais Santa María xa conta con parroquia apropiada para avogar polos cociñeiros: Santa María de Asados, no concello de Rianxo. Paréceme mellor que San Lourenzo, inda que algo conectados están. Para os que traballan a cociña doce non hai dúbidas. O padroado debe estar en Palas de Rei, onde poden elixir entre San Cibrao de Repostería e San Xusto de Repostería. Tamén os poden elixir aos dous, e a un encomendarlle o requeixo e ao outro a colineta.

www.cunqueiro.es