«Non vin nacer a ningún dos meus fillos; ir hoxe ao mar non é ir ao mar»

Lucía Rey
LUCÍA REY VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O armador e presidente de Puerto de Celeiro, S.A., José Novo Rodríguez, «Pepe de Bares», sobreviviu á galerna de 1961 na que foi a súa primeira marea como mariñeiro, con 14 anos acabados de cumprir

30 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouca xente hai cun coñecemento tan profundo do peixe e da pesca como José Novo Rodríguez, máis coñecido como Pepe de Bares, o pobo onde naceu no 1947. Empezou a andar «aos miños e aos rascos» de neno, foi mariñeiro raso antes que patrón e armador, e desde os oitenta converteuse nun dos principais impulsores de Puerto de Celeiro, a sociedade anónima da que é presidente e que día tras día sitúa ao peirao viveirense como un dos máis fortes do Cantábrico.

-Leva toda a vida no mar...

-Si. Nacín en Bares e alí era o que había. Meu pai tiña un barco pequeno con outros socios, e con 14 anos vin para Celeiro porque cambiamos a lancha que tiñamos por outra.

-Con que anos se embarcou?

-No 61 non puiden ir á anchoa porque non tiña os 14 anos, pero xa fun ao bonito porque cumprín en maio. E o 12 de xullo foi a galerna...

-Menuda estrea... Marcouno aquela experiencia, na que se foron a pique tres barcos e morreron 30 mariñeiros de Celeiro?

-Non me marcou porque cando es novo non ves tanto o perigo como cando es maior. Ía de engraxador no María Bernarda porque meu pai era motorista. No noso barco non morreu xente. Nosoutros collemos aos do Todos los Santos, onde si morreran. Un dos que morreu, casualmente, era o avó de Eduardo [Eduardo Míguez é o xerente de Puerto de Celeiro]. Foi o único corpo que se rescatou.

-E a partir de aí...

-Estivemos no María Bernarda tres ou catro anos, e despois meu pai e máis eu compramos unha lancha de baixura, na que estivemos dous ou tres anos. Despois saíu un barco un pouco máis grande, o Estrella del Alba, co que xa iamos á volanta, ao cantil, ao besugo, á merluza... Máis tarde fixeramos un novo en Foz cuns socios, o Playa de Cillero, que foi o primeiro barco que tivemos novo. Tamén 4 ou 5 anos, e despois fixeramos o Nuevo Playa de Cillero, moito máis grande. Ese xa era un barco de porte no que iamos ao bonito, ao Gran Sol, ás Azores, a Cabo Blanco... Así empezou a miña traxectoria de vida, que é longa [sorrí].

-As condicións variaron moito dos barcos de madeira aos de chapa?

-Os tempos cambiaron da noite ao día. Antes había que durmir moitas veces mollado porque ao ser de madeira, as cubertas vertían auga...

-Que foi o máis duro?

-O máis duro era o tempo que tiñas que botar fóra da casa. Non vin nacer ningún fillo [ten tres] porque sempre me tocou estar no mar, por exemplo; ir hoxe ao mar non é ir ao mar porque daquela ías en precario, e agora aínda te podes quedar se che dá a muller a luz, hai vacacións, hai isto, hai aquilo... Está todo regulado doutra forma, máis protexido. Estar lonxe da casa é o máis duro, pero súplelo dicindo: «Vou gañar para a familia, para que teña un futuro bo». E iso compénsache todo o traballo que fixeches. Logo, cando quedei en terra, compensei cos netos. Teño tres e pasei con eles máis tempo, disfrutándoos a tope.

-Pese a todo, amósase feliz...

-Cando ía para o mar, dicíalle á muller: «Déixame andar mentres vaia tranquilo como vou. Cando me quede, despois xa non vou querer volver». E así foi. Empecei a quedarme esporadicamente para levar o tema en terra porque chegamos a ter tres barcos.

«Estábamos cansos de ir vender á Coruña e que nos tratasen mal, e decidimos traer os barcos para Celeiro»

«O futuro véxoo ben, pero imos ter problema no relevo xeneracional nos mandos dos barcos»

«Agora non hai tantos mariñeiros, pero están ben retribuídos. O raso non gaña menos de 250.000 pesetas»

«En Celeiro tiñamos a pesca, pero non as infraestruturas, e dedicimos miralo»

A empresa de José Novo é propietaria do Galiana Primero. «Tiñamos outro, inglés [o Coelleira], pero encallou en Escocia hai uns meses», explica o home, que no 1982 comprou o primeiro «barco de venda de Celeiro»: o Seneivo Primero. «Compráramolo en Pasajes e xa era un barco de porte, tiña trinta e pico metros. Aí xa falamos doutra cousa, aí xa se andaba ao mar, porque antes chegáballe ben...», comenta, e achega un dato: «Influínos moito a Alúmina porque saíu moita xente do mar. No Seneivo a xente que tiña de máis lonxe era de Escourido, e agora son de Indonesia».

-Ademais de emprender como armador, tamén mirou «polo ben común», e axudou a que o porto de Celeiro se convertese no xigante que é hoxe...

-O potencial era a pesca, e a pesca tiñámola nosoutros. O que non tiñamos eran as infraestruturas para mover o peixe. E iso houbo que facelo de novo. Estábamos cansos de ir vender á Coruña, onde ademais non nos trataban ben e ultimamente todo eran problemas. E dixemos: «Oe, témolo que mirar porque así non podemos andar». Entón decidimos traer todos os barcos para aquí e vender coa confraría. Buscamos unha persoa, o cura, Vicente Gradaille, que fixo de patrón maior. Puxémolo á fronte para que nos coordinara porque nosoutros andábamos ao mar. Despois fíxose Puerto de Celeiro e xa empezamos co proxecto de sociedade anónima.

-Como ve o futuro?

-Ben, pero imos ter problema no relevo xeneracional. Eu teño fillos que están xa ao fronte da empresa, pero hai xente que non ten ese relevo. É unha pena, pero non sabemos como facer. Os mariñeiros suplímolos cos idonesios, pero para os cargos cústanos traballo.