Corenta e cinco anos do «Homaxe ós homes do mar» en Burela

JOSÉ MARÍA GONZÁLEZ BARCIA

A MARIÑA

CEDIDA

O Cine Mon estaba ateigado de xente para asistir a un acto que foi moi emotivo. Foi a posta de largo de Ledicia

30 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As vilas que miran ao mar e sustentan boa parte da súa economía na pesca de cando en vez sofren a perda de mariñeiros cando tentan arrincar os recursos suficientes para manter as súas familias. Son momentos moi duros, que non impiden que a vida continúe, así que os mariñeiros seguen traballando porque non queda outra alternativa.

Burela non é allea a esta situación. Son varios os naufraxios sofridos por barcos de Burela, e son bastantes os homes que teñen perdido a súa vida no mar (xa foron suficientes, agardamos que ningún máis morra no mar). Algúns, ben pretiño da costa, das rochas. Outros, lonxe, moi lonxe, coma os falecidos nos tráxicos naufraxios do Reina Victoria e López Sueiras o 12 de outubro de 1973: alí quedaron un total de dezaseis homes, de Burela, Cervo, Xove, Foz…

Os naufraxios destes dous barcos foron un duro mazazo para as xentes de Burela, pola violencia da traxedia, pero sobre de todo polo número de víctimas. Xentes que quedaron en estado de shock durante meses, incapaces de asimilar a traxedia. Pero a medida que se coñecían datos sobre os naufraxios, e curiosamente co paso do tempo, foi xurdindo un forte movemento de solidariedade. Tal, que dez ou once meses máis tarde, un grupo de xente, sobre medio cento de mulleres e homes maioritariamente en plena xuventude, preparou un acto de homenaxe ao conxunto dos mariñeiros, pero con especial lembranza dos falecidos no mar.

Aqueles homes e mulleres (algúns por desgracia xa non están entre nós; outros, a maioría, están entre os sesenta e os setenta anos) que adicaron, adicamos, boa parte do seu tempo libre a preparar aquel acto de homenaxe, que se celebrou hai corenta e cinco anos tal día coma hoxe, 30 de novembro (tamén sábado), do ano 1974, no Cine Mon (hoxe desaparecido), Homaxe ós homes do mar (sic), incluiron no mesmo acto bailes rexionais, pequenas representacións teatrais, e cancións populares galegas, cantadas por solistas, por tríos, ou por unha coral. E todo con dous decorados reflexando un deles o porto de Burela e o outro o mar en si mesmo. O movemento de solidariedade coa xente do mar foi inmenso e intenso: o Cine Mon estaba ateigado de xente para asistir a un acto que foi moi emotivo. Abarrotado o patio de butacas, con xente de pé polos seus corredores; abarrotado o galiñeiro; xente de pé no vestíbulo. E tamén inmenso e intenso foi o recoñecemento do traballo feito por ese medio cento de persoas a través dos prolongados aplausos dos asistentes.

Aquel acto foi a posta de largo da Sociedade Cultural Ledicia; nel, estrenouse unha peza icónica no seu día no grupo de baile da sociedade, “Patelas e pandeiros”, ou se cantaron por primeira vez en público pezas coma “Lévame”, ou “Rosiña, Rosa”. E como lembranza queda a placa colocada aquel mesmo día no edificio da Moncloa (placa que non está no lugar orixinal), que reza Burela rinde homenaje póstumo a todos los que perdieron su vida en la mar implorando una oración por su eterno descanso. Noviembre de 1974. Serva este artigo coma homenaxe a todos os falecidos no mar, ao conxunto dos mariñeiros que foron (incluido meu pai) e son, e tamén como recoñecemento a ese medio cento de homes e mulleres que hai corenta e cinco anos organizaron e participaron dun ou outro xeito naquel “Homaxe ós homes do mar”.

* José María González Barcia, exalcalde de Burela.