«Flipo coa repercusión do anuncio porque son un rapaz de Foz normal»

Daniel Irimia supera xa os 2.000 seguidores en Instagram despois de protagonizar a última campaña de Vivamos como galegos!


Foz / La Voz

Alucinando, pero cos pés na terra. Así se atopa o focense Daniel Irimia despois do tremendo caudal de fama que se lle veu enriba logo de protagonizar o último anuncio de Vivamos como galegos! de Gadis, cuxo alcance na televisión e nas redes sociais está sendo inmenso. «Estou flipando, alucinando, porque pensaba que ía ter repercusión o anuncio, pero non eu. A min a produtora avisoume, díxome: ‘Prepárate porque o fas ben, mola como sales, e prepárate para a fama’. Pero non lles fixen caso porque unha persoa coma min, normal, dunha familia normal, cunha vida normal... Que caso lle vas facer?», reflexiona este mozo de 23 anos que se prepara a conciencia para ser profesor de Bioloxía de secundaria.

A súa amiga Mary, da tenda de surf Palagua, foi quen o animou a presentarse á selección xa que buscaban un rapaz «con aire canalla e galegofalante». Tanto lle insistiu que o acabou facendo. «Non contei nada a ninguén, salvo a persoas moi achegadas, e contei só o dez por cento do que era», sorrí Daniel. Cando o anuncio veu por fin a luz, hai poucas semanas, o éxito foi inmediato. «Esperaba que os meus amigos, os meus veciños, que son xente que quero, que nos queremos, se alegraran, pero non esperaba a acollida que tivo por todo o pobo e por toda a xente», indica. En poucos días, no seu perfil de Instagram, onde é visible como Dani Irimia (@chavalada), disparouse a súa cifra de seguidores. Este martes superaba xa os 2.000. «Ata me agobiei porque me escribiu moita xente, recibín moitas mensaxes de xente que non coñecía, de moita xente que me empezou a seguir... Foi un pouco de shock, pero agora xa estou tranquilo», comenta.

Coma o rapeiro C Tangana

A música e a estética son nesta campaña de promoción un pouco distintos aos anteriores, xa que conseguen poñer en valor a Galicia rural dunha maneira distinta, máis moderna, ao estilo do rapeiro madrileño C. Tangana, autor de moitas de moitas das cancións de Rosalía, entre elas Malamente. «Todos os anuncios de Vivamos como galegos! gústanme, pero creo que este ano houbo diferenzas. Outros eran máis rurais, con máis xente, e este creo que está moi adaptado aos tempos. Toda a vida houbo o tópico de que a xente de Cataluña é agarrada, de que no País Vasco son uns brutos ou de que no sur son folgazáns, pero non ter por que ser. E para min, este anuncio rompe co tópico de que os galegos somos algo que non mola. Pois si que molamos. Eses tópicos non teñen valor ningún, pero lamentablemente existen», comenta, Irimia. Na súa opinión, esa foi unha das claves do éxito. «Se eu son de Madrid e vexo o anuncio, pensaría que os galegos molamos», indica este focense, que para rodar o anuncio, cuxa gravación se desenvolveu na praia de Pantín, en Valdoviño, tamén tivo que montar a cabalo.

Daniel explica que a súa intención é continuar centrado nos estudos. —¿Aceptará ofertas para outros anuncios se lle chegan? —«Chegáronme comentarios de xente relacionada con este mundo dicíndome que me viran ben, no sentido de que parecía que me dedicaba a isto. Pero eu sigo cos pés na terra, o que non quere dicir que se xurde algunha oportunidade que poda aceptar, que crea que son capaz e que me guste, non a colla. Pero actualmente sigo estudando e facendo a miña vida normal. Se xurde algunha cousa que poda facer sen que me perturben moito os meus obxectivos actuais, fareina», comenta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

«Flipo coa repercusión do anuncio porque son un rapaz de Foz normal»