O acto terá lugar ás 20 horas na Sala Bahía
22 nov 2019 . Actualizado a las 11:33 h.O rei ou raíña do Entroido de Foz 2020 vai ser elexido ou elexida nun evento-festa que se celebrará na Sala Bahía este sábado, día 23, a partir das 20 horas.
Este acto foi presentado onte polo concelleiro de Cultura, Héctor Moris Fernández, e polo presidente da asociación O Noso Foz, Ángel Fernández Neira.
O edil de Cultura explicou que «este sábado imos dar o pistoletazo de saída ao noso Entroido 2020 coa elección do rei ou raíña. Este ano, tanto desde o Concello como desde a asociación O noso Foz, quixemos dar un paso máis e facer un acto público no que a xente poida participar, xa que cremos que é realmente a xente a que fai o grande este Entroido de Foz».
Varias probas
«Será un acto -explicaban- no que os e as aspirantes a rei ou raíña terán que pasar por unha serie de probas diante dun xurado composto por seis membros, que terá un peso na nota final do 60 por cento, e a valoración do público suporá un 40% ademais». O concelleiro de Cultura Héctor Moris engadiu que «a peña que máis tíckets do Gadis traia levará 10 entradas para a cea de coroación do rei ou raíña do Entroido. Ademais haberá festa con música e churrasco, para os que queiran». O Entroido de Foz empezará con forza este ano.