Augas de Galicia «está a limpar os treitos interurbanos do río Xunqueira»

La Voz

A MARIÑA

CEDIDA

«O tramo urbano e o núcleo de poboación son responsabilidade municipal», din

16 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, explicaba onte que está a executar actuacións de limpeza e conservación nos treitos interurbanos do río Xunqueira, ao seu paso polo concello de Viveiro.

«Os traballos de Augas de Galicia coinciden cos tramos deste río no seu percorrido polas parroquias de Magazos (Sta. María) e Viveiro (Sta. María e Santiago). O mantemento do treito urbano do río Xunqueira é responsabilidade municipal», sinalan.

«As actuacións están a levarse a cabo nos treitos interurbanos deste río, e os traballos de mantemento céntranse na retirada de árbores caídas que poden afectar á canle, así como elementos susceptibles de causar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os treitos deste río quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas», expoñen.

Augas de Galicia indica que «desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-Norte e as súas zonas de acceso e protección. Cómpre sinalar que o núcleo de Xunqueira está identificado como de risco de inundación pola situación das edificacións en relación co río, é dicir, un problema urbanístico que é de competencia municipal».

Manifestan finalmente que «a Xunta lembra que lle corresponde ao Concello de Viveiro decidir e impulsar as medidas para minimizar os riscos de asolagamentos, para o que conta coa colaboración técnica e financeira do Goberno galego e a súa máxima vontade de colaboración co Concello». Augas de Galicia tamén anunciaba onte que lles presentará proximamente aos veciños de Xunqueira o resultado dos novos análises das actuación urbanísticas que é necesario acometer para evitar riscos.

Mañá faise un ano da riada en Viveiro e Xunqueira.