«En Cabo Verde teñen redes que aquí nin existen, pero son moito máis felices ca nós»

Lucía Rey
lucía rey CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

Ramiro Chaves Álvarez, «Piru», mariñeiro de Cervo nativo de Viveiro, aproveitou as súas únicas vacacións «en 12 anos» para coñecer de primeira man como faenan no país africano

02 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A paixón de Ramiro Chaves Álvarez, Piru, polo mar é tal que nas únicas vacacións que pillou nos últimos «doce ou quince anos» este mariñeiro nacido en Covas (Viveiro) en 1958 e afincado en Cervo desde hai décadas elixiu como destino Cabo Verde. Regresou hai unha semana. «Non me movín de dous puebliños pequenos mariñeiros, pero co que vin caeume a alma aos pés. Alí non hai nada! Non hai calles, andan os animais, os cochos polas calles, os cativos descalzos, espidos... Hai alí máis cativos que en Madrid! En Cabo Verde teñen redes que aquí xa nin existen, están moi, pero que moi atrasados, non teñen nada os homes, pero son máis felices ca nosoutros con telo todo, moito máis felices», reflexiona o patrón do Costa de África, con base en Celeiro, e que faena habitualmente por Burela e Morás (Xove).

-Está Cabo Verde agora como podía estar Galicia hai anos?

-Que va, están moito peor! Eu recordo temos jodidos. Cando empecei, con 14 ou 15 anos, andábase á man, pero xa tiñamos unha lanchiña a motor e un bote, e iamos por aí á rapeta, cuns aparellos que alí nin teñen. O único que teñen é un motor fóra borda, e o resto é todo manual. Botan a rede e logo bótanse ao mar bucear e van botando o peixe para a rede, que se teñen as redes que temos aquí cargan o bote!

-O contraste é tremendo...

-É unha lección. Nós queixámonos de vicio porque eu ignoraba iso e palpeino. Caeume a alma aos pés ver aquelas criaturas por alí, sen nada. Tiñan unha pedra amarrada, que era o peixe, e unha terrina de Natacha baleira [margarina], que era o barco para ir pescar, porque teñen un peixe, o mar xa na cabeza. Fun dous días con eles ao mar, pero non pescamos, e iamos volver outro pero había mar, non valía para coller carnada e non fomos. E fomos a outro oficio de rede que teñen para os budións, que son parecidos aos de aquí, a aos salmonetes, que son iguais. Pero aquilo é unha pobreza. Está todo seco, non hai nada, e iso que cando fun eran as festas do pobo e había comida, chamábante para comer das casas... Iso si, son moi amables, iso si.

-Como ve o futuro do mar?

-Cando empecei ao mar, aquí había máis peixe que o demo, e agora non hai nada. Levamos toda a semana e collemos moi pouquiño. E non houbo mal tempo, ao contrario. Hai ben tempo que non está o mar así. Pero somos moitos a sacar todos os días: saca, saca, saca, saca... Cada vez hai aparellos máis modernos, e saca-saca, saca-saca... É igual que se tes unha conta no banco. Vas sacando, vas sacando e léveme o demo que se acaba! Pescamos variado. Agora, o que máis, salmonete, pescadilla, bamba, badeixo pequeno, chicharro..., e despois para o Nadal xa cambiamos de oficio e pescamos máis centolo, linguado, xiba...

-E a nivel persoal?

-O Costa de África acábase. Nin o fillo nin os sobriños quixeron saber nada do mar, así que cando nos xubilemos... aló irá o Costa de África!

«No mar aquí vexo mal futuro porque hai moita vilixancia, moito control e pouco peixe»

«Un irmán de miña avoa púxonos alcumes na praia, e moita xente non sabe os nosos nomes»

«Piru» relata que naceu na praia de Covas, ao pé dos Castelos.

-É fillo da Raia, unha das peixeiras con máis sona de Viveiro...

-Si señor, son fillo da Raia, unha gran muller, non é porque sexa miña nai. Traballadora incansable. Viviamos na beira da praia. Meu pai foi mariñeiro toda a vida, e miña nai peixeira e mariñeira, que tamén ía ao mar. Tiveron oito fillos, e moitos vinculados ao mar. Tres, Javier, Pupo (José Manuel) e máis eu levamos toda a vida xuntos no Costa de África.

-Ten un irmán chamado Choco, outro Pupo, unha irmá Pupa, vostede Piru... De onde lles veñen os alcumes?

-Dun tío meu, o señor Paco, do Cabaleiro, irmán de miña avoa. Alí na praia, o home sempre bautizaba todas as lanchas, as persoas.. Era un home moi simpático, facía cancións, facía o demo... Hai moita xente de Covas que non sabe os nosos nomes.