«Nós queremos conservar a tradición do Samaín, nada de Halloween»

Este xoves chegan á décimo sétima edición, na que animan a vestir sabas brancas


o vicedo / la voz

Chega o Samaín. Un dos desfiles máis destacados na Mariña é, sen dúbida ningunha, o do Vicedo, promovido por Concello e APA dende hai xa 17 anos. Foi o pioneiro na provincia de Lugo, o primeiro que recuperou esa tradición, aínda que a nivel galego adiantóuselles Cedeira. Este xoves é a gran cita vicedense, que leva dende hai varios días preparando a organización. «Levamos tres días só facendo traballos manuais para decorar a Casa da Cultura», sinala a presidencia da asociación de pais, Lucía Martínez.

-Que novidades vai haber?

-Un percorrido novo, participarán todos os comercios e haberá sorpresas doces para os nenos.

-Este ano van poñer máis mimo na decoración da Casa da Cultura. Tirarán a casa pola ventá?

-Como para tirala non... Pero si que nos leva bastante gasto e moito tempo.

-Dixéronme que este ano non hai tantas cabazas coma outros...

-Non, non hai tantas. De feito, en cada comercio vaise poñer unha candea en vez de tanta cabaza, ademais de que daba moitísimo traballo. As cabazas vanse poñer máis ben na Casa da Cultura, basicamente.

-O desfile foi pioneiro na provincia, pero iso de ser os primeiros en recuperar a tradición tamén debe ser un peso por manter o nivel.

-Si, hai que mantelo.

-Particularmente, cal é súa parte favorita deste desfile?

-A participación dos nenos. Isto quen o gozan son os nenos da vila e dos arredores. Aínda que os maiores tamén.

-Lembra ter celebrado algo similar na casa sendo nena?

-Non, non... nada.

-Como afrontan a «competencia» de Halloween?

-Non sería o primeiro ano que aparece xente sen saber moi ben como hai que ir, pero polo boca a boca, e como xa levamos bastantes anos, ao final saben o vestiario que teñen que traer. Nese tema en concreto nós o que queremos é conservar a tradición de Samaín, nada de Halloween.

Ao remato do desfile deste xoves haberá reparto e degustación de bolos preñados, castañas e sobremesas típicas de Samaín para todos os presentes que se acheguen á Casa da Cultura.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Nós queremos conservar a tradición do Samaín, nada de Halloween»