Caballero: «Alcoa recibiu 38 millóns este ano do Goberno»

s. c. / p. l. BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O secretario xeral do PSOE galego destacou que é o maior importe que deu o Goberno a ningunha outra empresa no país

31 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSG-PSOE estivo onte na Mariña acompañado polos alcaldes socialistas da comarca. Caballero abordou a situación de Alcoa en San Cibrao, «unha empresa con algo máis de 1.000 traballadores que recibiu 38 millóns de euros do Goberno este ano para compensar os custes de emisión de CO2 e polas subastas de

ininterrumpibilidade», dixo.

«Este investimento, o maior importe que deu o Goberno de España a ningunha empresa en todo o país, é un mecanismo para permitir a competitividade e o impulso», sinalou Caballero.

O máximo dirixente do PSdeG destacou que «todo o que se avanza neste eido chega ao carón do goberno socialista».

«O Goberno socialista é un aliado de futuro para a industria galega, proba eses 38 millóns de euros que foron para a planta de Alcoa na Mariña fronte aos cero euros que puxo a Xunta. Só fai unha campaña de demagoxia e falsidade continua na que, en vez de axudar a que haxa solucións, convértese en parte do problema», criticou onte Gonzalo Caballero en Burela ao tempo que requiriu ao PP «lealdade».

Recordou que «nos sete anos de Rajoy á fronte do Goberno de España, non houbo compromiso coa industria galega, co estatuto para as empresas de consumo electrointensivo ou cun plan de reindustrialización».

Gonzalo Caballero concluíu que «a suma de Feijóo e Rajoy foi un suspenso rotundo en política industrial e a mellor garantía para o apoio a este sector é un Goberno socialista presidido por Pedro Sánchez», manifestou o secretario xeral dos socialistas galegos onte en Burela.

Reuniuse coas enfermeiras en loita e con persoal do 061

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo en Burela un encontro co colectivo de enfermeiras en loita e con persoal do 061 da Mariña de Lugo, así como con alcaldes e cargos do partido na bisbarra.

Dende alí, o líder dos socialistas galegos denunciou as «moitas dificultades que padece a sanidade pública como consecuencia da política de recortes, de precarización, de falla de orzamentos e de mala xestión por parte de Feijóo.

Queremos unha sanidade como nos merecemos na segunda década do século XXI», remarcou Gonzalo Caballero, que criticou «os retrocesos que sufriu a Mariña como consecuencia da supresión da área sanitaria», dixo.

Recordou que a dotación de ambulancias para a Mariña é “exigua” e que se eliminou o técnico que ía na ambulancia medicalizada. «Pedimos á Xunta que rectifique», dixo.

A voceira de Enfermeiras en Loita da Mariña, María José Franco, agradeceu a xuntanza con Caballero e lamentou que «temos que estar traballando 12 anos para poder conseguir unha praza».