«Cada vez a xente está valorando máis o confort acústico nos locais»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O tráfico é un dos puntos principais de contaminación por ruído, sinala David Vigo, da empresa mariñá Isanor Acústica

30 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos rodeados de ruídos constantemente, uns máis leves, outros más fortes, día a día, no traballo, na casa, na rúa, nos establecementos... A empresa Isanor Acústica naceu no 2003 da man do viveirense David Vigo para enfocarse tanto nas insonorizacións como no acondicionamento acústico, buscando como reza o seu lema «a mellor solución ao seu problema concreto».

-Que tipo de traballo fan?

-Isanor Acústica está relacionada co tema da contaminación acústica, con tres patas basicamente: enxeñería acústica (relacionada coa contaminación acústica residencial, urbanística, ambiental); laboratorio oficial homologado pola Xunta de Galicia para a medición de ruídos e as certificacións acústicas que teñen que pasar os locais para poder iniciar a actividade e incluso os edificios para ter a cédula de habitabilidade; e obra de illamento e acondicionamento acústico, máis especializado.

-En que zonas traballan máis?

-Galicia e Asturias.

-Hai moitas empresas no sector?

-Tal e como o temos nós, con enxeñería e laboratorio e almacén especializado, case non hai. Eu viña doutra empresa de enxeñería pero a miña formación foi derivando á acústica.

-Adoita haber moitos problemas derivados dos ruídos?

-Penso que si. É algo que sempre houbo pero agora a xente dálle máis importancia, tamén a Administración de cara a que hai uns controis máis duros.

-De onde vén esa preocupación ou dureza ao aplicar a norma?

-Sei que España é o país máis ruidoso ou o segundo despois de Xapón. Somos un país bastante ruidoso e mírase moito o descanso da xente, ao tempo que hai máis ferramentas para controlar este tipo de cousas e a Administración tamén se puxo máis rigorosa. No caso dun local potencialmente ruidoso, para darlle licenza o concello controla moito en base ás normativas que existen que o illamento do local estea de acordo coa actividade que poda desenrolar para que non haxa problemas cos veciños.

-Cales son os niveis permitidos?

-O máximo permitido vai en función do horario, pois non é o mesmo o día que a noite, e en función do tipo de solo pois non é o mesmo un polígono industrial que unha zona residencial. Nun caso de zona residencial en período nocturno, o nivel máximo que podería haber dentro dunha vivenda provocado por unha actividade colindante sería de 25 decibelios.

-Cal é a principal fonte de ruído?

-O tráfico é a fonte principal dende o punto de vista xenérico e poboacional. Despois hai casos máis específicos como unha vivenda que ten un local debaixo, unha discoteca, un bar, un centro de ocio infantil, ximnasio... moitas actividades poden xerar ruído.

-Hai moitas queixas na Mariña?

-Coma en calquera sitio. Hoxe en día hai actividades que están sendo problemáticas como os centros de ocio infantil, restaurantes, ximnasios, talleres, locais nocturnos... Poderiamos destacar dous campos principais en acústica. Un é o tema do illamento acústico, como é o caso dunha actividade que non se quere que xere ruído nos pisos de arriba, polo que hai que illala acusticamente. E outra parte que cada vez se está coñecendo máis o tema do acondicionamento acústico, que nos fala do confort acústico dentro do propio establecemento. O exemplo máis habitual é o dun restaurante no que debido ao barullo existente nos é moi complicado manter unha conversa. Nós traballamos moito nese sentido, en dar un confort acústico, tamén a unha ludoteca infantil onde hai nenos que gritan, etcétera... Todo iso pódese corrixir, para que o local estea máis cómodo para os que traballan alí ou para os que van a el. O tema do confort acústico estase valorando cada vez máis, porque está máis demandado polo público en xeral, xa que un bo confort acústico dun local é un valor engadido moi importante neste negocio.