Sergio Pazos chegará este sábado a Burela co espectáculo «Afiando con humor»
A MARIÑA
A actuación dará comezo ás 20.30 horas no auditorio municipal, e a entrada custará 5 euros
23 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Sergio Pazos chegará este sábado a Burela co espectáculo de narración oral «Afiando con humor», no que intenta sacar «chispas» de humor falando dos afiadores, unhas das personaxes máis coñecidas de Ourense, terra natal do actor. «Non hai que esquecer que o afiador é o primeiro emprendedor, o primeiro autónomo, o primeiro emigrante ou, como dirían naquel anuncio da televisión: ‘Tres en un’», sinalan en Culturaactiva.org. «Unha vida dura, solitaria ás veces, pero unha vida chega de orgullo e chea de historias. Ás veces tensas, ás veces tenras, ás veces tristes, ás veces cómicas, pero todas moi humanas e con sentimento galego», continúan. A actuación dará comezo ás 20.30 horas no auditorio municipal, e as entradas, que estarán á venda o propio día da función unha hora antes, terán un prezo único de 5 euros. O concelleiro de Cultura, José Díaz, destaca o vencello que ten Pazos con Burela desde que fora pregoeiro da Feira do Bonito no ano 2017. «Axudounos moito a que Fernando Romay fora o pregoeiro no 2018, e finalmente conseguiuse a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. O papel de Serxio Pazos creo que foi moi importante á hora de promocionarnos», recoñece Díaz.
Coro do hospital de Lugo
A axenda cultural da fin de semana en Burela completarase o domingo, 27 de outubro, co concerto que ofrecerá o Coro do Hospital de Lugo na Casa da Cultura. A actuación leva por título «O cantar da nosa lingua», e a entrada será de balde.