Mundos dixitais

Estíbaliz Veiga

A MARIÑA

22 oct 2019 . Actualizado a las 08:46 h.

É o Congreso Internacional de Animación, VFX e Novos Medios no que se deron cita, na Coruña, os mellores profesionais da industria de contidos dixitais, artistas e estudantes do medio que cada ano, co seu ambicioso programa, comparten proxectos e experiencias.

Coas súas actividades, promove sinerxías entre os diferentes activos da industria, apoia a creatividade e o debate, fomenta a creación de emprego e convértese no punto de encontro de talento e proxectos creativos e innovadores. Asisten referentes a nivel mundial, como Netflix, HBO ou Paramount entre outras moitos.

A raíz do meu traballo no programa Un país en 360, de Adiviña Producións para TVG (que en breve agardo poidades ver) comecei a somerxerme de cheo nesta nova fórmula da comunicación e accesibilidade do usuario ao mundo virtual, das experiencias que dan vertixe sen moverse do sofá, e fun a Mundos Dixitais. A miña conversa con Manuel Mejide, director do evento, deu moito de si. Concluín que a intelixencia artificial é unha realidade, e que comeza a ser omnipresente, e que os capítulos de Black Mirror, de Charlie Brooker, non nos están nada lonxe. As «abellas dron» e os noivos desaparecidos emprazados por «unha suma de contidos acadados a partir das redes» xa están aquí. Agora que as audiencias televisivas tenden aos realitys, o capítulo do Oso Branco dá un pouco de respecto. De chegar a ver feito realidade algún, San Junípero sería o meu favorito. Un futuro onde as novas tecnoloxías nos dean a posibilidade de vivir realidades elixidas e felices. Eu anímovos a ver a serie e, por suposto, a indagar nos novos mundos dixitais.