Da fonte dos Pelamios abrolla auga do río Xordán

Fran Bouso

A MARIÑA

ANTÓN CAXOTO

20 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda coa emoción no corpo de ter escoitado Manuel Fariña interpretar uns solos á trompeta duns temas clásicos, decidín que xa era hora de marchar para a casa se quería madrugar ao día seguinte para ir á feira. Ben, en realidade non foi unha decisión persoal, o certo é que a orquestra xa rematara a actuación. Baixaba pola rúa José María Pardo cando me crucei con Chipo:

-Moito madrugas, dixen.

-Te, te, te ño que madrugar, vou, vou, vou para o Cencentro de día.

-Pero vas para o Centro de día e aínda é de noite.

E seguín baixando a costa ao tempo que botaba man ao peto para mira a hora no teléfono. As 07:36! Ai si! Esta noite xa vai boa, dixen en voz alta pensando que só o pensaba.

Nos bares da vila estaban os tratantes de gando máis novos agardando a que comezara a feira e de paso baixando algún que outro chóspiro e tamén había varios grupos de amigos aos que se lles escapara a noite ao igual que a min.

Xa ía no remate da rúa Progreso cando dobrou a esquina Xosé Ramón. Xota Erre e máis eu tratámonos moito en tempos, de feito somos do mesmo barrio, pero xa levaba anos vivindo fóra e as súas visitas a Mondoñedo cada vez se dilataban máis no tempo polo que fomos perdendo contacto.

-Coño! Buenos ojos te vexan! Berrou nada máis verme.

-Que sorpresa! Non contaba contigo por aquí, e logo cando chegaches?

-Vin hoxe, cheguei a iso das dez da noite, comín o pulpo na Alameda e despois enganchei de carallada con uns e con outros ata agora. E tomarémoslle unha, ou?

-Eu ía xa para a casa, pero ben pensado xa non me merece moito a pena se quero ver algo da feira.

-Imos un pouco máis cara abaixo que aínda está aberto o Bodegón.

Achegándonos ao bar, vimos que a porta xa estaba trancada aínda que había xente dentro.

-Estamos cargando as neveiras, oímos que nos dicían desde o interior.

-Pero non se pode mollar a palleta?, preguntou Xosé Ramón.

-Se queredes póñovos algo e podedes sentar na terraza, dentro non, que teño que fregar.

-Que vas querer?, dixo XR mirando para min.

-Eu, auga.

-Auga? A auga bébese na fonte dos Pelamios! Vaite sentando que xa levo eu as bebidas.

Acomodei unha mesa que estaba moi próxima á estatua sedente de Álvaro Cunqueiro mentres ollaba coma desde dentro do bar servían o pedido que fixera XR.

A pesar de non haber obstáculo ningún entre a venta do Bodegón e a mesa na que estaba sentado, XR veu describindo un percorrido un tanto sinuoso.

-Aquí tes, para os dous igual, coma nos vellos tempos: «Roncola para todos».

Maldita gaña que tiña de meterlle un cubalibre a esas horas, pero...

-A auga é boa para as ras e pouco máis, non ves que desfai os camiños?

-Si oh, pero é que a esta hora...

-Nin a esta hora, nin nada, aí tes, auga na Fonte dos Pelamios, xa che dixen.

-Iso é, ademais como dixo este home -argumentei mirando para Cunqueiro- un día ao ano bota auga do Río Xordán.

O XR púxose erudito e con verbosidade chegou a dicirme que o xenio nunca tal cousa dixera. Sacou un puriño dunha lata de metal e preguntoume se tiña lume.

-Pois non, non levo ningún acendedor enriba.

-Sempre fuches un lambecús!, espetou XR. Agarda que vou prender o cigarro.

E arrincou pola rúa Afonso VII arriba. O tempo ía pasando e Xosé Ramón non aparecía. Xa me estaba quedando durmido sentado na cadeira ao carón de Don Álvaro cando de repente vexo que o home de bronce xira a cabeza cara a min e comeza a falar.

-Non lle fagas caso a ese, a razón lévala ti. En parte, iso si.

-...?

-Eu escribín nun artigo publicado na revista Destino que «Cada siete años -lo malo es que no se sabe cuándo hay que comenzar la cuenta- todas las fuentes del mundo, a la medianoche, por un instante, y en virtud de una desconocida ley física de los milagros, vierten agua del río Jordán». Pois logo se a Fonte dos Pelamios é unha fonte e esta neste mundo, da fonte dos muíños brota auga do río Xordán, pero non unha vez ao ano, senón unha vez cada sete anos.

O ruído dunha moto que andaba a repartir os xornais fíxome volver en min. Mirei ao meu arredor e non había rastro do XR, nin dos dous vasos de tubo. O que si vin foi a un home alto, forte, calvo e de perilla ao pé da porta da Libraría de Alvite con lapis nas orellas e no peto da camisa en actitude de debuxante. Tamén vin que no centro comercial da Praza da Catedral xa acenderan a luces. Sentín fame e decidín ir almorzar algo antes de subir cara o Campo dos Paxariños.

Entrei no centro comercial e fun á cafetaría que hai ao fondo a ras de chan.

-Buenos días, dixo o camareiro. Que le pongo?

-Tes chocolate con churros?

-No, no tenemos. Bueno, tenemos helados con sabor a chocolate con churros, si quiere ahí en la entrada se lo dispensarán.

Xeados con sabor a chocolate con churros... Non era o que andaba a procurar, pero foi co que me tiven que ir.