O videoclip «De bruma e salitre», de Xaime Miranda, premiado en Ourense

S.C. OURENSE, VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Picasa

Obtivo o máximo galardón no Festival de Cine OUFF da cidade ourensá

08 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O videoclip De bruma e salitre, do director mariñán Xaime Miranda, vén de gañar o primeiro premio no apartado de videoclips no Festival de Cine OUFF, que se celebrou en Ourense.

A peza audiovisual premiada foi dirixida por Xaime Miranda, con Iago Vilarinho como director de fotografía e con Maite Señoráns como asistente de produción. Un novo galardón para este realizador novo da comarca.

Os veciños, protagonistas

Así mesmo, á parte dos propios integrantes do grupo musical Mileth, o realizador Xaime Miranda contou coa colaboración de veciñas e veciños mariñáns para dar vida aos personaxes do vídeo musical, que, como vén sendo habitual nos seus proxectos audiovisuais, foi rodado integramente na Mariña.

Nesta ocasión as escenas rodáronse en Barreiros, Mondoñedo, Burela, Cervo e O Valadouro (de onde é natural un dos compoñentes do grupo Mileth).

Este videoclip vén ser unha epopea ás raíces e á importancia de preservar o patrimonio histórico, cultural e natural propio a través da transmisión do mesmo de xeración en xeración.

Inspírase no disco de Mileth, «Catro pregarias no albor da Lúa Morta». Xaime Miranda está a acadar premios e éxitos como realizador de videoclips e proxectos audiovisuais a pesar da súa xuventude. Roda na Mariña e con equipo na súa meirande parte da Mariña, e con escenarios naturais propios da súa comarca, algo que xa ten subliñado noutras ocasións. Parabéns por este novo premio.

Xa foi galardoado tamén no Festival Internacional de Cine de Vigo

De bruma e salitre xa fora premiado como mellor videoclip o pasado mes de maio no Festival Internacional de Cine de Vigo.

Os traballos audiovisuais de Xaime Miranda destacan por ter unha personalidade moi marcada, máximo coidado no aspecto estético e unha linguaxe moi cinematográfica.

Miranda xa fixo traballos para grupos musicais como Agoraphobia, Dios ke te Krew, The Brosas, Familia Caamagno ou Basanta, entre outros grupos coñecidos en Galicia.