Manuela Rodríguez: «Moitas veces cando marisqueo avisan ao Seprona de que hai un furtivo na praia»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Lobos de Mar | Unicamente extrae mincha, que envía a Cambados, e ourizo, que vende na lonxa

05 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«O de Manuela ten moitísimo mérito». Nesa idea coinciden desde a bióloga da Confraría de Pescadores de Celeiro ao delegado de Pesca en Celeiro, pasando pola xente que coñece ao que se dedica Manuela Rodríguez Martínez, a única mariscadora que queda en activo en Viveiro. «Moitas veces cando estou mariscando avisan á Xunta ou ao Seprona de que hai un furtivo na praia. Na coquina por último, en Area, eramos dúas e raro era o día en que non viña o Seprona porque os chamaran. Chegaban e xa nos coñecían. Mira ti que de furtiva non vou levar botas, sacho cesto...!», sorrí esta veciña de Covas de 59 anos.

-Moita xente sorprenderase de que en Viveiro aínda haxa alguén que se dedique ao marisqueo...

-Ao longo do ano vou á mincha e ao ourizo, e non vou a máis porque a ría está pechada. Non é que non queira ir eu, é que non podo, porque marisco hai, pero só se podería extraer para unha conserveira ou para a súa reinstalación nunha zona habilitada, que no caso de Viveiro non hai porque está todo pechado [o peche da ría de Viveiro para a extracción de marisco foi decretado en maio do 2015 pola Consellería do Mar debido á presenza dunha toxina que afecta aos moluscos].

-Onde vende?

-A mincha estouna mandando a Pontevedra, a un señor de Cambados que ten depuradora e se dedica a iso. E o ourizo, que vai de decembro a abril, lévollo á lonxa. É dicir, vendo todo por lonxa, non vendo nada por fóra.

-Nas últimas semanas houbo unha mobilización social importante reclamando o saneamento da ría. Cre que mellorará a situación para o sector marisqueiro de Viveiro cando se leve a cabo?

-Sería unha marabilla, algo perfecto, pero non sei se vai ser. Ao mellor se foramos moitas mariscadoras, 20 ou 30 que fixeramos forza, habería algunha posibilidade, pero é difícil porque non hai relevo xeracional e é un traballo moi duro.

-Ás veces dá a sensación de que vivimos de costas ao mar, de que non se protexe o suficiente, pese a telo aí ao lado...

-Si, e a ría de Viveiro é moi rica porque había ostra, berberecho, ameixa fina coquina. A coquina é unha gozada collela, e, ademais, tiña un prezo moi bo. Cheguei a vendela a 35 euros en lonxa.

«Desde que fixeron o espigón na praia de Covas, acabouse todo»

 

A primeira vez que Manuela Rodríguez foi mariscar era aínda unha nena. «Ía con miña avoa á praia de Covas. Iamos á coquina e ao berberecho. Eu era unha nena, e cavaba e saía un montón de marisco. Non recordo o tope que tiñan, pero un cesto de vimbio enchíano como nada, e agora vas e nada. Un día pedín para ir ao longueirón porque había ollos, pero o que hai é pequeniño, non dá a medida para vender», explica a muller.

«Miña avoa era mariscadora, miña nai tamén o foi, e logo eu tiven as nenas [é nai de dúas fillas] e como me gustaba empecei a meterme. Fixen o permex en Celeiro e empezamos a ir mariscar. Ao final quedei eu soa», indica Manuela, que ten unha opinión moi clara sobre a escaseza de marisco en boa parte da ría viveirense. «Desde que fixeron o espigón na praia de Covas, acabouse todo. A partir de aí non hai case nada agás lapa, que si que hai moita e vai para conserva, pero non hai comprador para ela», sostén.