«A primeira modernidade da Mariña trouxérona os nosos emigrantes»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

«Estou orgulloso de ter dado a coñecer xente da que ninguén falou», di o xornalista

18 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A serie que publica La Voz de Galicia cada semana Memoria de mariñáns alcanza a cifra de duascentas historias cheas de vida, algunhas de persoeiros anónimos e descoñecidos, outras de figuras públicas e de renome pero todas engarzadas polo fenómeno da emigración galega, sobre todo mariñá. O xornalista focense Martín Fernández Vizoso (Cangas de Foz, 1952), colaborador de La Voz de A Mariña, dálles forma con imaxes antigas e relatos para transportar ao lector ao mundo da diáspora, coas súas luces e as súas sombras.

-Naceu polos anos 50. Naquela e noutras décadas Galicia «producía» moreas de emigrantes.

-A época forte foi dende metade do século XIX ata metade do século XX. Tras a guerra hai unha emigración a Arxentina e Venezuela; despois xa empeza a Europa nos anos 60 que hoxe aínda, dalgunha maneira, segue. A emigración é como un río que vai facendo meandros e aparece e desaparece como o Guadiana. Ao longo de toda a historia de Galicia houbo emigracións.

-Que quixo plasmar cando naceu «Memoria de mariñáns»?

-Fixen Filosofía e Letras e estiven traballando en Madrid nun centro asociado á UNED que daquela empezaba. En 1987 entrei en La Voz e vin de Madrid a Santiago, onde ás mañás sobre todo tiña tempo. Empecei a ir á biblioteca do Centro Padre Sarmiento, da Universidade... e lin toda a prensa da emigración, os 300 e pico periódicos que fixeron os emigrantes e que están en bibliotecas, tamén na Fundación Penzol ou na Biblioteca América. Dende 1987 empecei a coller todos os datos que aparecían e fun anotando todo o relativo á Mariña. Loxicamente, iso levoume a ler moitos libros sobre a emigración porque sempre me gustou moito ese tema. Logo, tiven a inmensa fortuna de cruzar o Atlántico doce ou quince veces, ademais de coñecer emigrantes no meu pobo cando era neno. Cando me xubilei, tiña un volume de información extraordinaria. Fixera outra serie sobre a historia das sociedades en 2007. Agora esta en La Voz de Galicia é a historia da sociedade, historias humanas que me interesaba contar. A emigración é unha aventura individual.

-Que historia o cativou ou emocionou ou tocou a nivel persoal?

-A nivel persoal moitas, como a historia dunha familia de Cangas que son catro irmáns dos cales dous estaban en Uruguai, un en Arxentina e un en Rusia. Un fillo dos de Uruguai que era moi comprometido acabou sendo tupamaro e visiteino na súa casa. Tamén a de Vicente Oroza, a quen mataron os tupamaro, e era de Burela. Outra historia que me encanta é a de Julio Valea, gánster de Castropol. A de Portolés tamén é fantástica, timador de Ribadeo que se fai pasar por indiano e se casa seis ou sete veces. Estou orgulloso de ter dado a coñecer xente da que nunca ninguén falara dela, como Marino López Blanco, de Viveiro, que foi ministro con Batista (a súa muller Marta era de Ribadeo) ou de ter recuperado unha muller pioneira do feminismo galego, de Mondoñedo, Andrea López Chao.

-Cal foi o legado da emigración?

-A primeira modernidade (estradas, hospitais, salóns de baile, hoteis, escolas...) da Mariña trouxérona os emigrantes.

«O que intento facer é orgullo de comarca, potenciar o que temos e que está no esquecemento»

«Como é posible que non haxa un paquete turístico que se chame “ruta da emigración”?»

-Máis historias «anónimas» que lembre que contara...

-En México está un dos persoeiros seguramente máis descoñecidos de Galicia e é un absoluto ídolo nacional hoxe alí. É Juan Orol, creador do cine mexicano nos anos 30 e das telenovelas. Era de Ferreira do Valadouro.

-Cal vai ser a próxima reportaxe?

-Unha historia curiosa porque tamén é moi descoñecida. Un tío de Calvo Sotelo que se chamaba Adolfo Vázquez Gómez e foi o fundador do Partido Socialista e da masonería no Uruguai. Agora que lembro, outro persoeiro que me ten namorado e seducido é Agustín Rodríguez, quen fixo o auténtico himno de Cuba, Quiéreme mucho ou Amalia Batista. Ten 300 cancións, películas e obras de teatro pero no Vicedo non ten unha rúa nin unha placa. Penso que aos alcaldes da Mariña non lles importa o que é a identidade da Mariña e destacar e proxectar as cousas nosas, facer orgullo de comarca. O que intento facer con esta serie, precisamente, é facer orgullo de comarca, potenciar as cousas marabillosas que temos e que lamentablemente están no esquecemento.

-Seguramente moitos emigrantes dos que ten falado e que practicamente se descoñecían merecerían ser recoñecidos.

-Hai algo que non dou entendido. Como é posible que na Mariña non haxa un paquete turístico que se chame «a ruta do emigrante» ou «a ruta da emigración»? Non hai comarca en Galicia que teña o número de escolas de sociedades de emigrantes por habitante que ten A Mariña, nin edificios indianos tan concentrados, os persoeiros que hai... Eu chámolle sempre ao porto de Ribadeo a porta de América, pola cantidade de barcos que saían para alá, para América.

Historias