Este sábado conmemórase o 50 aniversario da igrexa de Celeiro

VICENTE MÍGUEZ VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

A efeméride recordarase cunha celebración presidida polo bispo da diócese,  Luis Ángel de las Heras

13 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Este sábado 14 de setembro conmemórase o 50 Aniversario da construción da igrexa parroquial de Santiago de Celeiro, un templo cuxas obras se iniciaran en 1965 e remataron en 1969, ano en que se inauguraría, o 24 de decembro na Misa do Galo.

A efeméride recordarase cunha celebración eucarística presidida polo bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras Berzal. Ao acto asistirán representantes da Deputación Provincial de Lugo, do Concello de Viveiro, Confraría de Pescadores e de Puerto Celeiro, organismos que colaboraron coas recentes obras no santuario.

Paralelamente, o Consello Parroquial vai levar a cabo unha exposición que continuará aberta ao público no vestíbulo do propio templo dende o 14 deste mes ata o vindeiro Nadal.

Con motivo da mostra e á procura de documentación e fotos relacionadas coa historia da edificación, o destino deparounos unha grata sorpresa: nun habitáculo da casa rectoral celeiresa apareceron proxecto e planos da que ía ser a igrexa parroquial, pero que debido ao seu exorbitado custo abandonaríase aquela iniciática idea de Constantino Montenegro Rego, á sazón, párroco de Celeiro. Con este sacerdote, o bispo de Mondoñedo, daquela, Mariano Vega Mestre, o 22 de setembro de 1956 colocaba a pedra fundacional do futuro santuario. Con todo, habería que agardar ata o 13 de xuño de 1965 para que se iniciasen as escavacións da súa cimentación.

No período de obras, o culto e os oficios relixiosos celebráronse provisionalmente na fábrica de conservas propiedade da viúva de Atilano López Insua, sita en Lavandeiras nunha parte da actual Albo. Pagábase de alugar 30.000 pesetas anuais, segundo conta Vicente Gradaílle Trobo no seu libro Cincuenta años al servicio del Pueblo.

Tal como reza na lápida recordatorio, ES LA OBRA DE TODO UN PUEBLO, ademais dalgunhas axudas institucionais, os gastos da edificación sufragáronse maiormente ao longo de catro anos con colectas populares promovidas polo sucesor de Constantino, Gradaílle, que fora nomeado párroco desta vila mariñeira en setembro de 1963.

El será o eixe vertebrador da obra, logo de encargar o proxecto ao arquitecto Alfonso Pérez Guerra, quen asinou en Barcelona, abril de 1965, un orzamento de execución valorado en 3.767.087,24 pesetas.

Do decurso da súa edificación conserváronse no Arquivo Parroquial fotografías ata hoxe inéditas, pero que reflicten os cambios desenvoltos nas técnicas de construción; tamén, naturalmente, na paisaxe. A exposición aporta ademais documentos con información sorprendente, como a intención no devandito proxecto de Montenegro Rego de ubicar a igrexa na rúa La Playa, actual Rúa do Porto.

Nun escrito dirixido ao bispo mindoniense o 10 de abril de 1944 explícase, «para comunicarle que La Playa de este puerto donde se solicitaba solar para la iglesia ha sido declarada zona industrial, lo que estorbará la consecución de tal solar y traerá consigo que la citada Playa no sea lugar a propósito para emplazar la iglesia».

Ben merecía, pois, que as persoas asistentes á celebración do sábado en que ademais se inauguran as recentes obras de reforma da cuberta do templo vaian recibir un recordatorio deste 50 Aniversario.

* Vicente Míguez, mestre e escritor. Membro do Consello Parroquial de Celeiro.