O PP leva a defensa de Alcoa e o emprego en San Cibrao ao Parlamento

La Voz RIBADEO/LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

10 sep 2019 . Actualizado a las 22:12 h.

O deputado mariñán do PP no Parlamento galego, Daniel Vega, únese á “fronte común” que lideran os populares da provincia para evitar que se produzan despedimentos na planta de Alcoa en San Cibrao. Leva a situación de Alcoa ao Parlamento de Galicia.

«Ante a “desidia” demostrada polo Goberno en funcións, que incluso incumpre moitos dos seus anuncios a este respecto e da que é cómplice tanto o PSdeG coma o PSOE lucense que onte se reunían co comité de empresa sen garantir ningunha solución á viabilidade da planta mariñá, é polo que levamos o tema ao Parlamento».

Daniel Vega formulará, así, unha pregunta na sesión plenaria de hoxe, mércores, do Parlamento galego sobre as actuacións que está a levar a cabo a Xunta de Galicia diante do Goberno central para o mantemento da actividade da industria electrointensiva, en especial, a da planta de Alcoa en San Cibrao.

O representante do PP da Mariña na cámara autonómica únese, deste xeito, «ao resto de compañeiros representantes do PP noutras cámaras e corporacións, como son os Concellos da zona e a Deputación Provincial, na presentación de distintas iniciativas para urxir ao Executivo a aprobación inmediata do Estatuto do Consumidor Electrointensivo que dote dunha estabilidade ao prezo da enerxía eléctrica e, polo tanto, contribúa a garantir a viabilidade económica, empresarial, industrial e laboral de Alcoa».