Antonio Valle: «Era ou mar ou vacas, e toda a miña xeración escolleu o máis rendible»

Mariñeiro no bonito, patrón no Gran Sol e «ministro» na Moncloa de Burela, asistiu en carne propia á «profesionalización» dos mariñaos burelaos

S. C.
BURELA/LA VOZ

Un museo da memoria mariñeira atópase baixo o vello edificio da Cruz Vermella do porto de Burela. A través das fotos e dos aparellos expostos, A Moncloa traslada a outra época as sensacións que transmite aquel templo. Pero tamén as memorias dos alí presentes son as que nos permiten ubicarnos anos atrás, nunha situación ben diferente á actual. A Moncloa, esta casa dos presidentes do porto, alberga as xuntanzas dos xubilados do mar que, con moitas mareas ás costas, reciben un merecido descanso a través do tute ou, sinxelamente, da boa compañía.

Un daqueles homes que hoxe descansan rodeados dos seus recordos é Antonio Valle. Burelao de toda a vida, comezou na baixura á tenra idade de 12 anos, para pasar ao bonito aos 14. «Hoxe, por suposto, non hai ninguén no mar con a eses anos, pero antes era normal». Era iso ou as vacas, como comenta, «e toda a miña xeración escolleu a opción máis rendible, a que máis beneficios daba». A súa quinta, a da década dos corenta, comezou no bonito a finais dos cincuenta e comezos dos sesenta, cando aínda non existía dedicación exclusiva ao mar e a vida laboral alternaba entre a pesca no verán e a gandaría e agricultura no inverno. «O 90% dos rapaces acabamos no mar, por moi duro que fose os cartos eran necesarios», recorda Antonio na Moncloa, entre amigos.

Todos eles teñen unha experiencia similar, todos eles poderían ser Antonio. Toda unha vila que se lanza a polo bonito como un tesouro para eles, en moitas ocasións para salir da economía de subsistencia das súas casas, onde «matábase o cocho, sementábanse a horta e pouco máis».

A «profesionalización»

Cando as costeiras remataban, niguén nos anos cincuenta continuaba no mar ata o verán seguinte. Antonio recorda cando cambiou esta situación, dando lugar a unha «profesionalización» da pesca en Burela. Xa non eran labregos que ían ao mar, a partir dos sesenta comezaron a ser mariñeiros: «co bocarte, ca volanta... Xa se comezou a ir todo o ano». Mirando as súas mans, Antonio pon a vista sobre as cicatrices que lle recorren os dedos, coma os surcos de escuma que forma o mar tras do barco. Para el, un dos traballos máis duros era a volanta ou o arrastre, por seren moi físicos, pero a pesca con cana do bonito non se quedaba atrás. Percorre o seu dedo mentres comenta que «esta cicatriz fixena cos arames, tirando por eles para sacar o bonito do mar... daquela non había luvas».

Ao ver que podía gañar máis como patrón, Valle estudou para convertirse nun deles. Cando o conseguiu, deu o salto ao Gran Sol, onde cambiou o traballo físico polo das responsabilidades, xa que «tiña que traer todos os homes de volta na casa, ademais de encher o barco de peixe». Cambios para mellor que non fan esquecer a dureza do pasado.

«A evolución dos barcos foi enorme, antes non tiñamos nin auga para beber ou lavarnos»

Non foron os únicos cambios os da maneira de vivir e traballar o mar, tamén naquelas décadas sucedeu unha revolución na tecnoloxía. É normal que Antonio vise cambiar os barcos, pois ata despois de xubilarse continuou no negocio como armador. «Cando comezamos, por non ter, non tíñamos nin baños e non nos quedaba outra que facelo pola borda», afirma Antonio ao ser preguntado polos avances técnicos.

As camas eran sacos de millo

As condicións hixiénicas nos sesenta eran moi precarias, «duchábaste cando ías á casa, pois a pouca auga doce que tíñamos era para o motor, e iso que o carbón que facía funcionar o barco deixábanos como una especie de tona sobre a pel». As camas, algo tan básico, non eran máis que sacos recheos de follas de millo seco, «que ao final da costeira quedaban todas tiradas polo porto, case coma unha costume».

As embarcacións eran moito máis pequenas, totalmente de madeira, que non resistían o que agora. «Aínda así naqueles anos xa se ía ao Gran Sol ao bacallau, durante os meses de bo tempo». O Gran Sol é o Gran Sol, e os temporais eran algo habitual aínda no verán. Antonio coñéceos ben. «A min pilloume no mar a Galerna do 61», afirma, «pero non nos pasou nada porque, aínda que fose un barco de madeira, puxémonos a favor do vento e fuximos dela en dirección Santander». Non correron a mesma sorte moitos compañeiros de Celeiro, que «por querer volver á casa nos días da festa local», foron directos cara o temporal. No Gran Sol sufriu grandes tormentas, «máis cá Galerna», pero afortunadamente os avances fixeron os barcos máis seguros para os seus tripulantes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Antonio Valle: «Era ou mar ou vacas, e toda a miña xeración escolleu o máis rendible»