«Neste espectáculo acabo rebentado; Touri, que é máis novo, aguanta máis»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA POR AINÉ PRODUCIÓNS

Javier Veiga escribe e dirixe unha función moi diferente ás anteriores deles dous

28 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É motivo de orgullo e satisfacción sempre recibir nos nosos lares a Carlos Blanco e a Touriñán, dous ases do humor galego que nesta ocasión volven co espectáculo teatral Unha noite na praia, este venres e sábado en Burela. Unha trama do máis apropiada para despedir un verán que, pese a chegar con baixada de temperaturas estes días, de seguro que subirán con eles dous facendo rir.

-Os protagonistas de «Unha noite na praia» son un empregado dun chiringuito (Manuel) e un turista sueco (Klaus). Cal dos dous se «fai o sueco» nesta obra?

-Klaus son eu... pero a verdade é que os dous nos facemos os suecos moitas veces [ri] ao longo da función, porque é un tour de force, un espectáculo de teatro. Creo que o que máis convén explicarlle ao público é que o que vai ver é unha obra de teatro, non un show de humor. Está ben que o saiban, porque é diferente. Probablemente non rían tanto como outras veces, aínda que si rirán. Hai outros elementos: misterio, conflito... É completamente distinto do anterior. Nada que ver.

-«Somos criminais» foi o espectáculo de máis entradas vendidas na historia do teatro galego.

-Así é! Batemos esa marca.

-Como «parella», funcionan.

-Nós non somos unha parella estable. De feito, Touri ten un novo espectáculo no que eu xa non vou estar. Non quixen porque quería descansar. Díxenlle: «Neno, eu non podo levar o teu ritmo!». El está xa nos ensaios. Eu estarei uns meses traballando, pero non ao mesmo ritmo.

-O que si é verdade é que con Javier Veiga (director e escritor de «Unha noite na praia») podemos dicir que fan o trío perfecto.

-Si, tes razón! Veiga é fundamental. Neste espectáculo somos tres a todos os niveis, pero somos máis, pois o espectáculo non tería sentido sen a luz que fai Dani Juncal ou a escenografía de Carlos Alonso... Todo contribúe.

-O escenario é un chiringuito. É unha reflexión sobre o turismo?

-Non, é un tour de force entre dúas personaxes: un sueco que se nega a abandonar unha hamaca e o currante do chiringuito que ten ganas de pechar e de ir para a casa. Ese é o punto de partida. A partir de aí desenvólvese un conflito moito maior, ao longo de unha hora e 35 minutos aproximadamente. Asegúroche que acabo rebentado. Touri, que é moito máis novo ca min, aguanta ben, pero tivemos que prescindir de facer dúas funcións por día porque rompín en Vigo, onde tiven que suspender unha actuación e non me pasara na vida. Cando vexades a función entenderédelo; no meu caso estou durante hora e media falando con acento sueco, que supón un sobreesforzo de garganta bastante potente porque tes que traballar coa gorxa doutra maneira.

-Como se preparou? Talvez encerrado unha semana en Ikea?

-[Ri]. Non; como se fai nestes casos, mirando vídeos e falando con suecos que viven aquí, estudando a súa maneira de falar.

-E algunha vez chegaron a botalo, por exemplo, dun chiringuito?

-Dun chiringuito non, pero dun karaoke si. Foi verdade. Por obscenidades... foi hai moitos anos, muller. Con Quico Cadaval e co recentemente finado Celso Parada estabamos ensaiando Doberman e fomos a un karaoke, bebemos se cadra un pouco de máis e non lles gustou o que cantamos. Hoxe pediríannos fotos...

-Máis proxectos en marcha.

-Empezo a rodar dúas series para Netflix. Inmediatamente unha en Galicia, e outra en Madrid, e con dous dos mellores directores que hai en España: unha con Mateo Gil, onde estarei con Tosar, e outra con Rodrigo Sorogoyen. Todo isto dunha tacada e en tres meses, fíxate... Un luxo! Foi Fariña a que nos abriu todas estas portas e que agora nos chamen para cousas que antes non nos chamaban. Demos un salto aí que llo debemos a Fariña.

«Probablemente neste espectáculo non rían tanto coma outras veces, aínda que si rirán»