Sres. de Renfe, vén A Maruxaina, non deixen á xente en terra

Iván Díaz Rolle ¡QUEREMOS IR ÁS FESTAS EN TREN!

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

19 jul 2019 . Actualizado a las 13:13 h.

Señores de Renfe, voulles facer un pequeno spoiler. O próximo 10 de agosto celebraremos a Maruxaina en San Cibrao, unha das festas que atrae máis xente (moita xuventude) a esta vila. É previsible que se achegue xente de toda a comarca. E é previsible que prefiran facelo no seu Feve antes que no seu vehículo particular. Digollelo por se queren mandar sequera un par de vagóns e revisores para cumprir co servizo que se supón que ofrecen.

Non obstante, se queren seguir matando o tren da Mariña, teñen outra xenial oportunidade. Poucos máis seguirán intentando empregar o ferrocarril se, como esta fin de semana ou xa antes nas festas de Burela, nos volven deixar en terra. Moita xente, xuventude, trata de desprazarse ás festas máis populares da Mariña no tren, pero é imposible. Vén cheo cando chega ata aquí cun só vagón. O que pasou en Burela pasou antes en San Cibrao e en Viveiro, como contamos na Voz. Non é novidade. Será fácil demostrar que o Feve non é viable se noutro día de afluencia máxima apenas teñen ingresos porque non ofrecen o servizo que demandamos ou son incapaces de cobrar a tódolos seus pasaxeiros.