Sargadelos e UGT pediron a suspensión do xuízo por conflito colectivo

La Voz CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Decidiron abrir un proceso negociador sobre este tema para intentar chegar a un acordo

11 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

UGT e a empresa Sargadelos veñen de pedir a suspensión do xuízo de conflito colectivo, que se tiña que celebrar onte no Xulgado do Social número 1 de Lugo, relativo ao abono da terceira paga extra á totalidade dos traballadores e traballadoras da planta de Cervo.

Ambas as partes decidiron abrir un proceso negociador sobre este tema para intentar chegar a un acordo que, para UGT, «pasa necesariamente polo cumprimento por parte da empresa da legalidade, é dicir, a aplicación a todos os traballadores e traballadoras por igual do convenio colectivo da fábrica de cerámica».

Lembran desde UGT que «o pasado mes de agosto a dirección de Sargadelos procedeu ao despedimento de máis de 20 traballadores, cando se puxo de manifesto que non se lles estaba aplicando o convenio colectivo en todos os seus termos, especialmente en materia salarial, porque aos empregados de nova contratación só lles estaban aboando dúas pagas extras, e non as tres que establece o convenio colectivo».

«Precisamente, a esixencia da aplicación do convenio colectivo por igual a todos os traballadores e traballadoras foi o que nos levou a UGT a tomar a decisión de interpoñer un conflito colectivo, cuxa vista estaba fixada para onte pero que ambas as partes, de común acordo, decidiron aprazar, e o xulgado comprometeuse a facelo por 60 días. Para UGT-Galicia, o escrito presentado no xulgado de modo conxunto supón un primeiro paso, ao recoñecerse ambas as partes como interlocutoras válidas, para retomar o camiño cara ao diálogo que nunca debeu romperse», expoñen desde o sindicato.