«Un dos temas que abordaremos coa ACIA será a reapertura ao tráfico rodado da Avenida da Mariña»

m.c. foz / LA VOZ

A MARIÑA

23 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O rexedor focense, Francisco Cajoto Caserío, destaca o potencial dos negocios locais e avanza o compromiso do Concello coas empresas e coa patronal que agrupa aos diferentes establecementos.

-Que obxectivos se marcan desde o Concello coa vista posta nos negocios locais?

-O que queremos é axudar a impulsar e a desenvolver o comercio local. O sector servizos é un sector fundamental no noso concello, xera postos de traballo, xera riqueza, contribúe a fixar o asentamento da poboación... E desde o Goberno local debemos colaborar coa asociación de comerciantes, cos comercios e colectivos, apoialos, impulsalos, darlles visibilidade aparte de promoción. Non queremos poñerlles atrancos e si facilitar que calquera iniciativa poda iniciarse á maior brevidade.

-Que temas abordarán na vindeira reunión coa ACIA?

-Un dos temas fundamentais e principais que abordaremos coa ACIA será a reapertura ao tráfico rodado da Avenida da Mariña, volvendo a convertila na avenida principal en dirección cara a Burela. E tamén abordaremos a reorientación da Avenida Álvaro Cunqueiro, en dirección Ribadeo. Eran un clamor popular as queixas dos comercios e a caída das vendas que tiveron por esta reordenación do tráfico.

-Cando reabrirá ao tráfico a Avenida da Mariña?

-Agora mesmo estamos facendo os estudos e falando cos técnicos.

-Ademais de abrila como vía principal ao tráfico, haberá outros cambios nesa avenida?

-Temos algunha outra alternativa que queremos primeiramente tratar coa ACIA, plantexar os nosos puntos de vista e os deles.

-E plantexaranlle algunha outra acción ou idea á ACIA?

-Estudamos seguir coas campañas que estaban iniciadas pola anterior corporación. E, con respecto a futuras accións, de forma inmediata non plantexaremos porque é un asunto que hai que organizar de cara aos orzamentos do ano que vén.