«Quedamos felices e emocionados e sentimos a poesía en grande»

Y.G. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Karina Parga, voceira da exposición da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña, fai balance

08 jun 2019 . Actualizado a las 13:47 h.

Rematou con grande éxito, como grande é a poesía, a exposición da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña que se clausurou en Viveiro e que mobilizou a 16 centros educativos da comarca, co seu alumnado totalmente entregado aos versos. «A clausura co concerto de David Catá e Juan Cabalar -dixo a voceira Karina Parga, do IES Perdouro onte- foi impresionante, magnífico. Púxonos a pel de galiña. Sentimos a poesía, que no seu caso era acústica e visual. Efectivamente, a poesía non está na palabra so, senón tamén na ausencia da palabra, no silencio. A poesía abarca todo. Queriamos tamén que os adultos se deran conta de que a poesía está ao noso alcance e no noso día, ata nas cancións da publicidade, mesmo nos criamos con poesía porque as primeiras cancións que nos cantaron nosos pais foron as nanas. Non podemos renegar desa forma de expresar sentimentos. Creo que nesta exposición plástica logramos involucrar ás familias, traballamos cos cinco sentidos, coa poesía inclusiva, houbo un «manxar» de poemas, outro traballo moi divertido de poesía sobre os letreiros da comarca, os haikus xaponeses que están tan de moda, videopoemas con sensores de presenza para que se activaran, bolsas feitas con poemas medioambientais nunha árbore que parecía a árbore nai, outro videopoema en colaboración co instituto de Meira, árbores con moitos poemas en forma de follas dentro dun programa Voz Natura...

-Cal é o balance?

-Magnífico. So que este ano a exposición fíxose algo curta con tres días. Tivemos o clima en contra na clausura, porque a praza estaba desanxeada pero ao final estivemos ao quentiño no sala multiusos do Concello.

-E houbo convidados...

-Como Antón Cortizas, Tá en Artes, grupos de gaita e metais do Conservatorio, a Asociación de Enfermos Mentais con teatro... Na clausura quedamos felices e emocionados e sentimos en grande a poesía. Como nunha nube. Tamén estamos agradecidos á conselleira de Educación, Carmen Pomar, por vir. Foi cercana, interactuou moito coa rapazada e tamén experimentou coa poesía.