Elena Candia quere poñer en valor o museo de Cunqueiro

S.CORRAL MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Reuniuse coa Fundación Penzol para programar actividades

07 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A alcaldesa en funcións de Mondoñedo, Elena Candia, mantivo onte unha xuntanza de traballo en Vigo co presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga Pereira, e co seu director, Francisco Domínguez, co obxectivo de programar actividades conxuntas para a posta en valor da obra e do museo de Cunqueiro.

Na reunión a alcaldesa trasladou a súa intención de programar novos contidos para a Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro, que abriu as súas portas o pasado mes de marzo e, desde entón, recibiu multitude de visitas. Trátase, segundo explica Elena Candia, «de trazar unha folla de ruta que contribúa a seguir divulgando o legado do escritor».

A alcaldesa en funcións traslada a vontade do goberno local de que o museo incorpore contido innovador para que siga sendo atractivo e capte a atención e o interese de veciños, visitantes e investigadores.

Inauguración do restaurante

O vindeiro mércores, día 12, inaugurarase o restaurante da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, A Taberna Galiana, a cargo do restaurante A Horta da Paula.

É a fase que aínda faltaba para completar a Casa Museo de Cunqueiro na praza da Catedral de Mondoñedo. O nome de A Taberna Galiana elixiuse en referencia literaria á obra cunqueiriana, como todo no museo. Será un engado e un atractivo máis de cara ao verán para atraer turismo e visitantes ao museo, un referente cultural en Galicia, á altura do escritor mindoniense, un dos autores galegos universais.

O mércores 12 inaugúrase o restaurante da

Casa Museo de Cunqueiro, A Taberna Galiana, da Horta da Paula