Cinza

Estíbaliz Veiga VIVEIRO/LA VOZ

A MARIÑA

13 jun 2019 . Actualizado a las 19:38 h.

Ola, o meu nome é Cinza. Son unha gata palleira de nai Celeirense e pai descoñecido. Os veciños din que son filla dun siamés chamado Messi, pero eu non teño o pracer de coñecelo «en persoa». Está mal que o diga eu pero son unha gata moi guapa e xeitosiña. É así, que lle imos facer. Vivo dende hai uns anos na Coruña coa miña compañeira de piso, unha humana chamada Estíbaliz. É boa xente a rapaza, pero moi pesada. Dálle por falarme coma se fose un bebé e non é por nada, pero teño case 4 anos ( o equivalente a 20 da súa especie). Déixolle que me bique e acariñe hasta un límite, aí regaño un dente e a aparto coa pata. Cando chega pola porta, arrolo e fago «a croqueta», volta para un lado e para o outro. Non vexades como se pon, celébrao coma se fixera un triplo salto mortal nunha competición de ximnasia rítmica. Eu non lle quero quitar a ilusión, ó fin e ó cabo, é a que me cambia a area e me pon comida. Por iso, digo «miau» e póñome panza arriba para que me rasque e me diga o guapa que son. O certo é que son un gato e fago o que me da gana cando me peta, ó contrario que vós, que seredes moi listos pero vivides pendentes de contentar a outros semellantes que se supón que están «por riba». Vivo tranquila, teño unha humana boa, durmo 15 horas ó día, teño mimos e chuches gatunas. Vaia, que non me podo queixar. Sinto moita pena dos meus conxéneres que son nesta época tirados a contedores, abandonados á súa sorte, asasinados, etc... Pregúntome se non se darán conta, «eses señores que vos mandan», ( os que elixides metendo papeliños en caixas de cristal) de que noutros lugares nada lonxanos coma Portugal xa se fan campañas de esterilización nas colonias felinas de rúa que están logrando que se dignifique a nosa existencia.