«As persoas alérxicas deben extremar a protección diante das velutinas»

Lucía Rey
lucía rey RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O experto considera que os alérxicos ás abellas e ás avespas non deben asumir «riscos»

10 nov 2019 . Actualizado a las 00:00 h.

Protexerse o máximo posible e en días de moito calor ou nos que o vento sopre con forza evitar, na medida do posible, saír da casa. Este é o consello que quere enviar o médico e ecoloxista de Ribadeo Evaristo Lombardero ás persoas alérxicas ante a inminente chegada do verán e a proliferación de insectos himenópteros, como as abellas e as avespas, pero tamén as temidas velutinas, que no último ano causaron a morte de dúas persoas no entorno da Mariña. A máis recente, hai tan só uns días en San Tirso de Abres. «As persoas alérxicas deben extremar a protección ante as velutinas. En época de risco case non deberían saír da casa, ou se saen necesariamente e teñen que traballar no campo, ou segar, como foi o caso do rapaz de San Tirso, extremar a precaución cunhas escafandras e unha protección absoluta», indica o especialista, que é neumólogo e foi xefe do servizo de Medicina Interna no Hospital de Jarrio, en Coaña (Asturias).

Nove anos despois de retirarse, Lombardero, que encabezou a lista de En Marea que concorreu ás eleccións municipais en Ribadeo, sinala que risco de anafilaxia, é dicir, unha reacción alérxica moi intensa derivada dunha picadura ou de varias que pode desembocar na morte «é alto». Indica que cubrir a cara e as mans está ben, pero poden picar en calquera sitio. «Se por exemplo estás rozando nun prado ou unhas silvas e lle pegas un golpe ou rompes un niño poden saír despavoridas centos ou miles, e poden picarte cincuenta en calquera sitio e ata meterse por dentro da roupa», sostén.

«Se se leva unha roupa con cores chamativas ou con olores, como poden ser colonias ou perfumes, o risco de sufrir unha picadura aumenta moito máis, e as persoas sensibilizadas non poden asumir ningún porque poden ter un ‘shock’ anafiláctico e morrer»