«As quendas que temos son un calvario, traballando oito días e descansando un»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Traballadores din levar meses «a base de ibuprofeno para aguantar a xornada laboral» que lles impón a dirección

29 may 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Mariló Castro Blanco leva traballando como limpadora na residencia DomusVi de Viveiro, na que son atendidos 150 anciáns, desde a súa inauguración hai oito anos. Conta que as condicións de traballo sempre foron duras, pero «melloraran un pouco» ata que nos últimos meses volveron empeorar ata o punto de se converter case en insostibles, como destacou este martes a presidenta do comité de empresa pouco despois da nova concentración na que boa parte dos traballadores reivindicaron melloras.

-Cal é a situación laboral que denuncian?

-Tiñamos unhas carteleiras que non eran moi boas, pero dentro do malo os traballadores aceptábanas. Fíxose unha reunión coa empresa e tivemos unha asemblea, pero dous días despois impuxéronnos unhas moito peores ás que tiñamos. As novas que temos son un calvario, porque no servizo de limpeza, por exemplo, estamos traballando oito días seguidos de mañá e descansando un, e logo empezamos con sete días de tarde. Iso é matador. É unha loucura. Andamos todas tomando pastillas, a base de ibuprofeno e paracetamol, para aguantar a xornada laboral. Non descansamos o suficiente para vir traballar con enerxía. Non temos vida social nin nada, vivimos no traballo, onde facemos sete horas nas que non paras máis que vinte minutos para tomar algo e tes que continuar. Antes polo menos traballabas cinco mañás seguidas e descansabas dous días.

-Canto tempo levan nesta situación?

-Desde marzo. E non nos deixan facer cambios nin nada. No servizo de limpeza estamos cinco traballadoras pola mañá e dúas pola tarde para facer de todo: atender a lavandería, servir almorzos, comidas, merendas e ceas, facer camas, deixar todo limpo ?comedores, salas...?. É unha loucura. Só atender a lavandería dá moitísimo traballo porque son 150 residentes. Ás veces protestan porque a roupa non vai como debería, pero é que non temos tempo nin de pasarlle o ferro.

-Traballar nesas condicións é complicado...

-Seguimos coas carteleiras «a lo loco». Estamos moitas con dores por traumas, golpes, cos músculos agarrotados...

-Como se orixinou o conflito?

-Unha compañeira da residencia de Santiago denunciou que no convenio non nos dan compensación de festivos porque nolos meten onde xa tiñamos días de descanso programados. O xuízo será o 20 de xuño, e o que pasa é que [a empresa] dá por feito que o vai perder porque todo apunta a que iso está mal feito, pero quere que os traballadores firmemos uns acordos para que non poidamos reclamar nada se a sentenza sae ao noso favor. Se os firmamos din que imos volver ás carteleiras que aprobamos nós. O que lle dixemos á dirección é que aceptamos sempre e cando despois respecten o que diga o xuíz, pero aínda non nos contestaron.

-Cantos traballadores hai no centro DomusVi de Viveiro actualmente?

-Entre fixos e eventuais somos algo máis de setenta. En enfermería, por exemplo, están baixo mínimos. Hai catro enfermeiras só, cando tiña que haber seis. Despois está un equipo de xericultores, que son os que fan o baño, visten, dan de comer aos residentes...; e logo estamos as da limpeza, hai tres persoas en recepción, unha animadora... Sabemos que é case a única na que non se están respectando as compensacións de festivo.