«Estou en contacto cos veciños a diario, e non só de campaña en campaña»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BURELA/LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Aspira a manter o bastón de mando do concello e actualmente preside a Mancomunidade de Municipios da Mariña

23 may 2019 . Actualizado a las 22:42 h.

No 2015 o PSOE recuperou a alcaldía de Burela e á fronte do Goberno local volveu situarse Alfredo Llano, quen xa fora alcalde no mandato 2007-2011 (pacto co BNG). Outra campaña máis, Llano lidera a candidatura socialista e aspira neste 2019 a manter o bastón de mando dun Concello que é o municipio lucense que mellor saldo vexetativo presenta, con máis nacementos que defuncións. Llano foi deputado provincial entre 2012 e 2015 e actualmente preside a Mancomunidade de Municipios da Mariña.

-Como compaxina a campaña coa xestión municipal?

-É unha campaña intensa, pero non estiven moi liberado porque tiven que compaxinala coa xestión municipal e coas miñas funcións de alcalde. A min gústame contactar cos veciños e, de feito, estou en contacto con eles a diario, e non só de campaña en campaña. Sempre estou disposto a escoitar a todo o mundo.

-Como afronta o 26M?

-Ilusionados. Os meus compañeiros de candidatura están motivados. Xa estamos constatando boas sensacións coas novas incorporacións á lista. Teñen tamén calidades para exerceren como concelleiros. Podemos facer un bo labor en Burela. A cuestión é ir asentando proxectos.

-Se gaña as eleccións e pode gobernar, cal será a primeira xestión que fará o luns 27?

-Seguiremos traballando, como ata agora. Temos que seguir facendo xestións para a nova depuradora, que está en proxecto. É unha obra complexa, pero fai moita falta. Está pensada para atender a unha poboación de 20.000 habitantes. En Torrentes está a punto de culminarse todo o proceso e tamén temos que seguir traballando noutros asuntos. No referente a temas deportivos, xa se informou á Liga Nacional de Fútbol Sala e ao club da intencionalidade clara de facer as obras no pavillón Vista Alegre. Unha remodelación pensada tamén para o deporte base. Incluso hai que pensar en facer outro pavillón en canto se dean as condicións. Estudamos axudas para fomentar o asentamento de empresas, e xa sabemos dalgunhas que o van facer. Queremos seguir estando ao lado do sector pesqueiro e asentar as bases para un bo turismo, de praia, e tamén gastronómico, e garantir prazas hoteleiras. Queremos volver recuperar a área sanitaria e que se fortaleza a atención primaria.

«Temos un proxecto que mudará o aspecto estético e funcional da rúa Rosalía de Castro»

?Nesta campaña reprochóuselles en moitas ocasións a falla de iniciativas para facilitar o asentamento de empresas...

?Hai demanda e no polígono do Perdouro xa hai proxectos que se van asentar. Fíxose un levantamento topográfico e hai un proxecto para aproveitar o espazo ao máximo. Hai que desenvolvelo, ben a través do Concello, se hai posibilidades económicas, ou ben a través de empresas públicas.

?Que pasos se deron de ordenación do tráfico no centro trala apertura do acceso ao porto?

?Co acceso ao porto reduciuse a densidade de tráfico no centro. Pero hai que destacar que nos últimos anos se fixeron moitos cambios de regularización do tráfico en diferentes zonas. Estableceuse a limitación de 30 km/h en varias rúas, houbo cambios de dirección na zona dos colexios e imos seguir humanizando prazas e rúas para que Burela sexa máis atractiva. Tamén se reordenou o tráfico no entorno do hospital e hai que dicir que gañamos moitas prazas de aparcamento coa nova distribución de moitas rúas. Tamén temos un proxecto que mudará o aspecto estético e funcional da rúa Rosalía de Castro. Combinarase o tráfico rodado, o aparcamento e priorizarase a seguridade dos peóns. Temos previsto habilitar novas prazas de aparcamento, definir sen alturas as zonas de tránsito de peóns, separar augas pluviais e residuais...Acometerase con cargo ao Plan Único da Deputación.

?E segue adiante a idea de facer cambios na rúa Eijo Garay?

?En Eijo Garay vaise reducir a velocidade e despois, a medida que vaiamos vendo, trataremos de ver as posiblidades de semipeatonalizar ou de delimitar máis a velocidade. Nesa rúa temos que pensar que existen, entre outros servizos, un centro de atención primaria. Queremos un pobo no que haxa unha boa convivencia.

?A que non renunciaría pola política?

?Non quero que a política me condicione nin me quite liberdade no sentido de que me gusta estar tranquilo coa familia e cos amigos, e non me gustaría renunciar a esas vivencias.

?Cales foron os mellores e os peores momentos deste mandato?

?Houbo unha inundación menor, nada comparada coa do ano 2010, pero un feito que sí nos permitiu analizar que había que seguir traballando e reclamando unha depuradora nova. Tras aquela inundación resolvemos bastantes problemas de canalización de augas. Fastidioume a perda da área sanitaria porque creo que é un desprezo absoluto para os habitantes de Burela e para os de toda a comarca. Eu creo que foi un mandato no que fixemos moitas cousas. Converteuse a Burela no referente cultural da Mariña e traballouse moito no aspecto social. Pense que aquí residen cidadáns de 42 nacionalidades e non hai grandes problemas de convivencia. Burela estase fortalecendo.

?Segue atendendo a diario aos veciños no despacho?

?Atendo a diario aos veciños e sin necesidade de cita previa. Aténdoos no despacho, tomando un café ou na rúa, porque sempre vou a pé ao concello.

?Tivo resposta da Casa Real á invitación da raíña Letizia para entregar a Copa de la Reina?

?Mandámoslle unha carta moi bonita, pero aínda non hai resposta. Me imaxino que ao longo da semana que vén saberase algo. Creo que sería un acto bonito e unha importante promoción tanto para Burela como para o resto da comarca.