«Creo que agora lle podo ser máis útil ca nunca aos veciños de Foz»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Xaime Ramallal

Javier Jorge Castiñeira, candidato do PP a revalidar a alcaldía focense

23 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Minutos antes de acudir ao debate electoral de Radiofoz o candidato do PP á alcaldía de Foz fai balance de oito anos de xestión á fronte do Goberno local. Javier Jorge Castiñeira (Foz, 1974) non é conformista, aspira a manter o bastón de mando municipal e aconsella paciencia para tomar as rendas dun concello.

-Por que decidiu volver a presentarse?

-Estou nun bo momento despois de ter pasado épocas moi complicadas, como os primeiros catro anos de goberno. Nos seguintes catro acometéronse cambios importantes, incluso históricos para Foz. Estou nun momento persoal, profesional e político moi bo, coa miña independencia, pero á vez cun bo equipo non só aquí, senón en Galicia. Creo que agora lle podo ser máis útil ca nunca aos veciños de Foz. Fun avanzando en política e coñezo perfectamente o concello. Sei cales son os seus problemas. Doeríame non poder continuar este proceso ascendente.

-Cales son os problemas de Foz?

-Temos que seguir mellorando e dando todo tipo de alternativas turísticas, traballar para que industrialmente siga habendo implantación de empresas no polígono, que terá un enlace directo coa futura autovía. Temos que seguir mellorando o centro urbano. É necesario un estudo de mobilidade para afrontar a remodelación da rúa do Pilar e da rúa do Cemiterio, que complementen as xa feitas. Hai que mellorar a vida nas parroquias, é necesario apostar por avanzar na instalación de redes tecnolóxicas en todo o municipio, imos reformar o CEIP de Foz número 1 e hai que mellorar o de Fondo Nois...

-Se gaña as eleccións e pode gobernar, cal será a primeira xestión que fará o luns 27?

-Será un día normal. Temos o verán por diante e hai que sacar o plan de emprego. Xa deixamos preparadas moitas cousas, como a Festa Normanda, o Tentacle, o Festival Bal y Gay... Unha vez activados os orzamentos contrataremos os proxectos das obras da rúa do Pilar e da rúa do Cemiterio. E outra cousa moi importante é seguir coas xestións do auditorio, de buscar localización definitiva e financiamento.

-Dígame outros proxectos prioritarios...

-Ademais das obras antes citadas, humanizar a praza Conde de Fontao, para seguir mellorando o ambiente do noso porto.

«Pola política non renunciaría á familia nin a seguir sendo Javier Castiñeira»

-En que fase están as xestións para que Foz teña nova depuradora?

-Hoxe [por onte] recibimos a comunicación de que o anteproxecto foi trasladado ao órgano ambiental. Será o último tramite antes de ir ao pleno, onde se aprobaría definitivamente. Pasado ese trámite, e se teño maioría absoluta, inmediatamente aprobarase no pleno da corporación este ano e trataremos de que Augas de Galicia saque a licitación do proxecto e da obra non máis tarde do primeiro semestre do ano que vén, para que, se todo vai ben, se poidan iniciar os traballos na segunda parte do semestre do 2020. Firmei coa conselleira Beatriz Mato o convenio de financiamento por máis de 8 millóns. Se son alcalde, a depuradora eliminarase do centro urbano e irá para A Granda, entre Forxán e Fazouro, como está proposta.

-Que foi o máis difícil do último mandato municipal?

-A aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e o de tratar de buscar pactos cos grupos para o desenvolvemento normal do concello. Houbo moítisimos pactos, pactos imposibles. Desde fóra dinme que como se puido pactar co BNG ou con FPF, para sacar adiante asuntos como os orzamentos ou outros. Eu digo que é un traballo de cesión, de moitas reunións. O que non cede non é bo negociador.

-Desgasta?

-O pacto ou o trato satisfai moito.

-Pactar implica renunciar?

-Tivemos que renunciar a parte do noso programa, pero fixéronse outras cousas. Eu síntome orgulloso de telo feito.

-Como leva a súa familia a súa dedicación á alcaldía?

-Moito mellor do que pensaba. Manténdose á marxe dentro do que se pode e tratando de asumir as críticas con deportividade. Hai críticas que hai que filtrar, tratar de que non sexan negativas para o teu estado de ánimo.

-A que non renunciaría pola política?

-Nin á miña familia nin a seguir sendo Javier Castiñeira. A día de hoxe, a miña maior satisfacción é estar e gozar coa miña familia e cos meus amigos. E coa miña peña, a Ñass, que me axuda moitísimo a desconectar, co CD Foz e cos Celtas... Se tivera que desprazarme, sería o que peor levaría.

-Desprazarse? Sempre dixo que a alcaldía era o prioritario..

-Se saio alcalde, a miña dedicación exclusiva será a alcaldía.

-Cales foron os peores momentos?

-Os momentos máis malos foron cando desapareceu na Rapadoira un rapaz, veciño noso, coincidindo cun temporal, e tamén vivín en primeira persoa o incidente de Ángeles [Veiga, edil]; non se me borrará a imaxe de Chema Linares (PSOE) case chorando e aos sanitarios da ambulancia medicalizada dándoo todo por axudar. Nesas situacións vese o lado humano dos compañeiros.