«A prioridade é dárlle voz aos veciños de Foz, que nos digan as prioridades»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Francisco Xavier Fanego, alcaldable do BNG, destaca 3 obxectivos; solventar o problema do saneamento, municipalizar servizos e dinamizar as parroquias

21 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai catro anos ocupaba o posto número 11 na candidatura do BNG aos comicios municipais. Actualmente Francisco Xavier Fanego Bermúdez (Foz, 1974) lidera a lista de mulleres e homes do Bloque que aspiran a gobernar Foz. Encara a semana facendo un balance positivo da campaña e asegurando que os primeiros días dedicáronnos a visitar aos veciños das parroquias.

?Que lles preocupa aos veciños do rural?

?Unha das cousas que lles preocupa é a aplicación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Se estamos falando de dárlle vida ao rural, o PXOM non deixou nada ben facilitar a construción de futuras edificacións. Tamén se queixan da falla do mantemento das pistas, do alumeado, de servizos... e da falla de actividades de dinamización para a xente maior. A penas hai actividade de ningún tipo. Din que están condeados a morrer.

?E esta semana onde teñen cita cos veciños?

?O xoves ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Foz faremos un acto no que contaremos coa asistencia da deputada Olalla Rodil. Hoxe iremos ao mercado e máis a Forxán (20 horas), o mércores estaremos en Nois (20 horas) e o venres, en Vilaxoane, ás 18 e en Marzán, ás 20 horas.

?Que actuacións son prioritarias?

?Entendemos que o problema do saneamento é un asunto que vai levar moito tempo corrixilo, pero hai que poñerse con el. A situación da ría é insostible. Tamén hai que facer un mantemento básico de limpeza urbana, rozar, amañar rúas, camiños e pistas... cousas pequenas que son máis unha cuestión de vontade que de ter un gran orzamento.

?Cales son os proxectos principais do programa do Bloque?

?Temos que traballar pola recuperación da toponimia e tamén lamentamos que en cantas festas organiza o Concello non aparece reflectida a nosa cultura. Hai que traballar con orzamentos reais e participativos nos que se inclúan o máximo de gastos previstos e se aposte por ofertas públicas transparentes e en igualdade de condicións. A nosa prioridade é darlle voz aos veciños, tanto aos das parroquias como aos do casco. Escoitalos e que nos digan as prioridade de cada lugar. Apostamos pola municipalización de servizos como o abastecemento e a depuración de augas, pola implantación de novas tecnoloxías, por ir substituíndo as actuais farolas por outras de tecnoloxía led, por políticas de inclusión social, de benestar e de educación... Queremos ser un concello aberto e plural.

?Que ten que dicir da xestión municipal feita nos últimos anos?

?Fíxose moi pouco. Nos orzamentos do 2016 permitíusenos participar e incluír unhas propostas. Foi algo moi criticado por unha parte e louvado por outra. O resto de partidos déronnos moita caña por iso, acusándonos de ser a muleta do PP, pero foi algo feito con responsabilidade e pensando nos veciños. Cando se fixo a reforma do pavillón de Marzán, o PP vendeuno como unha idea del, pero hai que dicir que foi unha proposta do BNG. Daquela, tamén pedimos a ampliación de prazas da Escola de Música e unha partida para o saneamento de Santa Cilla e de San Acisclo, pero esta última non se executou nen aquel ano nen nos tres seguintes. No pavillón non se cambiou o tellado e hai algún problema. Sentímonos decepcionados e enganados polo Goberno. Fíxonos dubidar moitas veces con moitas cousas e cremos que en vez de pensar tanto en si mesmo, o alcalde tería que mirar máis polos veciños. Tamén me gustaría incidir na importancia das eleccións europeas. Se o BNG está en Europa, Galicia e Foz tamén van estar. A deputada Ana Miranda coñeceu en Foz o problema que temos co saneamento. Puido ver de primeira man os graves problemas que hai na ría e temos o seu compromiso de que si ela segue, exporá este problema en Bruxelas.