«Nas carreiras de cabalos a este nivel sempre hai piques»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O xinete viveirense Adrián Mariño Salgueiro, dono da cuadra O Neto do Celta, venceu a competición con Sal Alem, de pura raza árabe

25 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cabalos e xinetes de Cantabria, País Vasco, Asturias e Galicia competiron na prestixiosa carreira Playas de Ribadesella celebrada días atrás e na que o viveirense Adrián Mariño Salgueiro, de 34 anos, se fixo co triunfo na categoría de cabalos de pura raza árabe montando a Sal Alem, de 10 anos, un dos cinco cabalos de competición que ten na cuadra O Neto do Celta, situada en Magazos. «Levo indo seis ou sete anos xa, e é a primeira vez que gaño. Fora segundo, cuarto, terceiro, pero primeiro non, porque o que quedou segundo, que se chama Xas, e é de Vigo, nunca perdera unha carreira», comenta.

-Está dobremente contento, logo...

-Si porque a carreira foi moi entretida. Na arrancada Xas sacounos 20 metros, pero ao saír do segundo xiro xa lle adiantamos. O seu xinete é Luis Corbacho, e coñecémonos, pero somos como o Barça e o Madrid. Ben non nos levamos. Nas carreiras de cabalos temos a este nivel temos que estar federados no Jockey Club Galicia e sempre hai piques.

-De onde lle vén a afección?

-De meu avó, que foi tratante de gando e sempre me tivo na casa cabalos de velocidade. Aínda agora que ten 84 anos é o que me segue dirixindo. Á súa maneira, pero aí segue, e cando pode acompáñame ás carreiras.

-Cal é a próxima competición?

-O 17 de maio no hipódromo de Antela, en Xinzo de Limia, onde imos debutar a Zángara, unha egua de sete anos de pura raza árabe que compramos hai sete meses. Con Sal Alem vencemos as tres veces que fomos a Portugal, aos hipódromos de Maia e de Felgueiras.

«No inverno adestro os cabalos na praia e no mar, cando non hai xente»

Adrián Mariño Salgueiro compaxina o seu traballo como brigadista antiincendios en Viveiro coa afección polos cabalos. «Monto todos os días. Cando traballo de mañá, pola tarde. E cando traballo de tarde, pola mañá. Adestro os cabalos na praia e no mar cando non hai xente. Vou á de Covas ou á da Abrela metelos na auga. Iso gústalles moito e failles moi ben porque fisicamente non teñen lesións e fan moito corazón. Dous días á semana ‘descánsoos’, e fágolles moitas subidas ao monte San Roque e ao Castelo», comenta o xinete, antes de reivindicar un espazo habilitado para que os afeccionados aos cabalos da comarca, onde cada vez hai máis, podan adestrar. En breve comezarán as carreiras na comarca, como a das Maulas, en Galdo. «Por aquí corro cun cruzado que se chama Gaucho. Lévoo a Xove, a Galdo, a Cervo, ás Pontes... Ese ten nove anos», apunta.