Alfredo Llano: «Estamos dando os pasos para acoller a Copa da Reina»

La Voz BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Entrevista con el alcalde de Burela

13 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Burela non vai perder unha xornada que pode ser histórica non só para o Pescados Rubén senón tamén para a vila. «Alí estarei, por suposto», afirma Alfredo Llano, que volverá a encabezar a candidatura socialista nas eleccións municipais do próximo 26 de maio.

-Ten algún pálpito o alcalde?

-Son moi optimista. Creo que imos vivir unha tarde inesquecible todos os que nos gusta o deporte en xeral e o fútbol sala en particular. Vexo aos dous equipos moi mentalizados e seguro que van estar á altura.

-En poucas vilas de España poden vivir algo semellante.

-Seguimos sendo una referencia clara no deporte. O Pescados Rubén é un modelo, un exemplo claro de como hai que facer as cousas, e só por iso merece que todo lle vaia ben neste dobre compromiso. Ademais sería una extraordinaria recompensa para a afección do Vista Alegre, sempre entregada e que sabe valorar o mérito que ten este club.

-É dos que sufre nos partidos coas forzas moi parellas?

-Non, non. Son bastante tranquilo.

-Vostede foi cofundador deste equipo e directivo durante varios anos.

-Así é. Desde o 2001 ata o 2007. Éramos cinco nunha mesa redonda, estaba rodeado por xente moi boa e conseguimos impulsar ao club e levalo a Segunda División. O partido no que máis sufrín foi aquel na casa contra o Albacete que nos puido dar o ascenso a Primeira.

-Desta volta parece que non se escapará.

-Un puntiño, só necesitan un puntiño. Malo será...

-Víase vir, non?

-Así como o ano anterior houbo dúbidas ata o último momento, desta vez parece bastante claro. Sería o resultado dun proxecto perfectamente deseñado e moi ben levado.

-Dise que Burela podería ser sede da Copa da Reina.

-Estamos dando os pasos para aque así sexa. Sería unha responsabilidade grande, pero creo que estamos ben preparados. Sería unha promoción fantástica para Burela e a comarca. O deporte é unha das mellores vías para darte a coñecer en outros recunchos de España.

-Hai posibilidades?

-Eu creo que si, bastantes.

-Unha última. En que punto está o tema do novo pavillón e as reformas no Vista Alegre?

-Xa presentamos o anteproxecto das melloras no actual pavillón, con gradas e vestiarios novos, sala de prensa, unha zona para as cámaras..., e estamos agardando unha resposta da Liga Nacional de Fútbol Sala. Se cumpre os requisitos o seguinte será licitar o obra. Sobre o pavillón novo, o único que podo asegurar é que a súa construción é un dos obxectivos prioritarios para este equipo de goberno pero agora mesmo non se dan as condicións. É máis complexo do que un pode imaxinar.