Llano: «Hai cousas que non logramos nestes anos e hai que seguir pelexando por elas»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

«Non nos importa demasiado que haxa moitas candidaturas. O que nos importa é aportarlle confianza ao electorado», di Alfredo Llano, alcaldable do PSOE en Burela

09 abr 2019 . Actualizado a las 21:06 h.

Alfredo Llano repite. Quere seguir sendo alcalde de Burela, un concello no que hai catro anos a candidatura do PSOE acadou ampla maioría e desaloxou ao PP. Pero antes, 2007-2011, este profesor de secundaria, fonsagradino de nacemento, xa fora rexedor (en coalición co BNG), ademais de deputado provincial. Actualmente compaxina a alcaldía coa presidencia da Mancomunidade de Municipos da Mariña.

?¿Por que decidiu de novo encabezar a candidatura?

?Por consolidar un proxecto que é o de avanzar na nosa política de traballar e buscar o mellor para o conxunto da poboación. Buscando sempre o ben común.

?¿Que balance fai do mandato?

?Démoslle un empuxe ao Concello. Buscouse a diferenciación e tivemos moito éxito en iniciativas postas en marcha, como as turísticas (xeorrutas, ruta circular...), a programación cultural... Pero hai cousas que non logramos nestes anos e hai que seguir pelexando por elas, como a nova depuradora. Non deixamos de traballar e sabemos que non se tardará moito en facer a licitación do proxecto da obra. É fundamental para Burela, pensada para unha poboación duns 20.000 habitantes. Outro asunto. A nosa intención é facer un pavillón novo, pero non só pensando no fútbol profesional. Hai unha demanda cidadá extraordinaria de instalacións deportivas. Estamos negociando con propietarios de terreos para o novo pavillón, pero será necesaria a axuda da Xunta, do Goberno central, da Deputación e do Concello. Non obstante, está feito un anteproxecto do pavillón que contempla a mellora das gradas, novos vestiarios, sala de prensa, almacén... Tamén teremos que buscar apoio económico. Agora que se creou o club de atletismo tamén haberá que ver dunhas pistas. Outro proxecto é consolidar o desenvolvemento de Torrentes...

?¿Cal é a situación económica do Concello a final de mandato?

?Traballouse moito e fixemos tamén ben as contas. Temos casi tres millóns de remanente. E estamos pensando en comprar solo dotacional, en investir en obras, en mellorar servizos... Correspóndelle ao Concello decidir sobre ese diñeiro. Pero queda moito por diante. Pensamos que a vindeira será unha gran edición de Expomar, seguimos traballando para conseguir a declaración de interese turístico nacional para a Feira do Bonito, seguimos colaborando para a declaración da Semana Santa, que ten unha singularidade especial... Queremos potenciar a Festa Castrexa, o festival Osa do Mar... Temos que seguir apostando por reforzar a pesca, por ofrecer oportunidades para que non se vaia a xente nova, por reclamar máis servizos educativos, pola nosa área sanitaria da Mariña...

?O PSOE xa avanzou os seis primeiros da lista, unha combinación de xente con experiencia e algunha cara nova...

?Siguen concelleiros deste mandato e entra xente nova, coma Carmela López ou Toñi Eijo, comprometidas e traballadoras.

?Estas eleccións serán diferentes. Alomenos van concurrir seis partidos en Burela. ¿Imponlle?

?¿Máis candidaturas? Non nos importa demasiado que haxa moitas candidaturas. O que máis nos importa é aportarlle confianza ao electorado. Aparecen partidos como setas porque hai falta de referencias, que é o que nós queremos dar. O que importa é a seriedade e que haxa intención clara de traballar para conseguir unha sociedade máis xusta.

?Sorprendeu que se postulara como candidato ao Senado pola provincia. ¿Por que deu o paso?

?Na lista vou de substituto de César Mogo (natural de O Valadouro), que encabeza a lista. O único que pretendía era aproveitar a ocasión para que A Mariña estivera representada. Somos unha comarca grande e creo que había que intentalo.