Foz e Hungría, unidas en San Martiño

La Voz FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Xaime Ramallal

A emblemática basílica acolleu unha xornada de encontro do arcebispado da cidade de Veszprém

20 mar 2019 . Actualizado a las 20:51 h.

Unidas en San Martiño e por San Martiño. Responsables eclesiásticos e de turismo do Concello de Foz, da diocese Mondoñedo-Ferrol e do arcebispado da cidade húngara de Veszprém participaron este mércores na histórica basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, nunha xornada de encontro na que o obxectivo era analizar e ampliar coñecementos sobre a figura deste relixioso cristián do século VI que está considerado como o «apóstolo dos suevos». A cita, que levou por título «Tras los pasos de San Martiño», foi inaugurada polo alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira. Un nutrido grupo de persoas asistiron ao acto, aberto ao público, no que tamén participou, en representación da Xunta de Galicia, a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua. Destacou a presenza do bispo, Luis Ángel de las Heras, e doutros sacerdotes da diocese, como Antonio Valín Valdés.

Sacralidade, cultura e turismo

A delegación húngara tiña previsto disertar sobre a relación entre sacralidade, cultura e turismo da man dun representante do arcebispado de Veszprém, Baázs Karlinszky, e dúas responsables da oficina de turismo desta cidade húngara, situada a pouco máis dun centenar de quilómetros de Budapest: Beáta Bérczi, como directora, e Szilvia Görbicz, como directora de márqueting. Para rematar a xornada estaba programada unha charla a cargo do historiador Anselmo López Carrera. A cita completou o programa de conferencias de arquitectos, arqueólogos ou historiadores, entre outros especialistas, celebradas na basílica logo da inauguración, o pasado verán, do Centro de Interpretación.