Quen ten a culpa do retraso do saneamento?


Oxoves e venres o BNG organizará na Eurocámara a xornada Execución dos fondos europeos para o saneamento da auga en Galiza. Participarei nestas xornadas en Bruxelas representando ao BNG de Viveiro, amosando a nosa preocupación polo perigo de perda dos 2,7 millóns destinados ao saneamento en Viveiro, procedentes dos Fondos FEDER Galicia 2014-2020 debido á súa falta de execución en prazo, e denunciado os reiterados verquidos na nosa ría incumprindo a normativa europea sobre augas residuais.

O incumprimento no noso Concello dos obxetivos da Directiva Marco da Auga a das Directivas europeas sobre tratamento de augas residuais urbanas levou a UE a denunciar ao Estado Español ante o Tribunal de Xustiza en 2010. Isto motivou que o goberno de Feijoo anunciara unha inversión de 5 millóns de euros para a mellora do saneamento en Viveiro, reducidos sen vergoña nen explicacións a 3 millóns en setembro de 2016. Daquela, Xunta e Concello asinaron o convenio «Mellora dos sistemas de saneamento e depuración da ría de Viveiro», que se prevía executar en tres anos. A actuación estaría cofinanciada nun 80 % pola UE. Estes fondos están hoxe en perigo de perderse.

O convenio indica que o Concello ten que dispor dos terreos e permisos necesarios para a execución, e o Goberno municipal foi incapaz de logralo 2 anos e medio despois: falta de entendemento con Augas de Galiza, trabas de Costas do Estado? foron as razóns expostas polo Goberno municipal. Motivos que amosaron algo máis de claridade trala pregunta no Parlamento galego da deputada do BNG, Olalla Rodil, no que o director de Augas de Galiza dixo non dispor de autorización de Costas ata que se retire o emisario roto, trámite que debe xestionar o Concello.

O grave perxuizo medioambiental e económico que as diferentes Administracións están causando a Viveiro e á veciñanza deberían ser motivo de explicacións sen rodeos. Volver sentar na mesma mesa aos asinantes do convenio e respostar á veciñanza sen pasarse a pelota: Quen ten a culpa do retraso? Cando van executar as obras? Que pasa se caduca a financiación da UE? Vaise valorar e reparar o dano medioambiental e económico de anos de verquidos? A actividade do BNG neste asunto foi continua, rexistrando en xuño de 2017 unha petición de información sobre o estado do convenio Concello-Xunta, sen obter resposta do Goberno municipal. Ademais de formular cuestións no Parlamento galego e europeo, realizouse un mural reivindicativo e unha recollida de sinaturas na que participaron unha trintena de colectivos. A miña participación xunto coa eurodiputada do BNG Ana Miranda será unha nova oportunidade para esixir solucións, amosar as nosa preocupación e deixar ben claro que a nosa ría non é un vertedoiro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Quen ten a culpa do retraso do saneamento?