«Non creo en variñas máxicas, só no traballo»

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado REDACCIÓN / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Elena Candia di que no PP non sobra ninguén e confesa que a súa aspiración política é ser rexedora

17 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A estas alturas ninguén discute que a avogada e experta en xestión administrativa Elena Candia (Mondoñedo, 1978) é un torbellino. Alcaldesa, deputada provincial, presidenta do PP lucense... Esta páxina queda pequena para reproducir a entrevista na que non esquiva pregunta algunha.

-¿Que queda daquela Elena que debutou en política cando saiu elixida como concelleira no 2003?

-Participando en política dáche a sensación de que cada ano o vivimos como se foran tres. Daquela Elena queda a mesma ilusión e paixón, cuns valores e principios moi claros e cun obxectivo: sentirme útil. Entrei absolutamente convencida das posibilidades de Mondoñedo, de que se podía aproveitar a política para melloralo. Pero tamén atopa a unha Elena con máis experiencia, moito menos inocente, se é que o fun algunha vez, e máis formada.

-¿Como chega a todo?

-Intento ter as cousas preparadas da miña man, pero confeso que só se pode conseguir traballando en equipo.

-Á marxe doutras actividades profesionais, ¿segue tendo vacas?

-Sígoas tendo. Vacas de carne.

-¿Consegue delegar?

-Inténtoo. Ás veces consígoo e outras veces non.

-Anda presentando candidatos pola provincia, pero ¿repetirá vostede como alcaldable?

-Terán que decidilo os compañeiros. Supoño que antes do 15 de abril.

-No 2016 cursaba o seu quinto máster, ¿como van os estudos?

-Sigo estudando, co doctorado. Pretendo elaborar un traballo de investigación que recolla cunha visión práctica o día a día, todo o que vou aprendendo. Sería un traballo de investigación para intentar pór de maneira clara as bondades e aportacións dos entes locais, sobre todo no escenario nacional. Creo que vou sacar unha conclusión en positivo.

-Foi a primeira muller en presidir a Deputación, ¿que lle aportou?

-En calquera administración, institución, entidade privada... a perspectiva sempre cambia dependendo de si estás fóra ou dentro. Hai unha visión equivocada das deputacións. Moita xente as asocia a ter un exceso de control, cando creo que é o mecanismo máis importante para poder pór en valor as posibilidades e os sectores estratéxicos da provincia. Un dos maiores logros foi ter altura de miras para chegar a un acordo co PSOE para que se atendera aos concellos e se lles puidera dar un instrumento de traballo e de igualdade, como é o Plan Único. Creo que a provincia ten que ter un plan propio centrado nos sectores primario, forestal, de turismo e servizos sociais. En infraestruturas tamén se necesita un plan de provincia. Por iso defendo a necesidade dun órgano supramunicipal.

-¿Quen foi o seu mentor en política?

-Que me deu a primeira oportunidade foi Luis Rego. Despois é indubidable que houbo máis xente. Comecei a traballar no Concello no 2002 co Plan Labora.

-Tras intentalo vostede no 2007 e no 2011, recuperou no 2015 a alcaldía para o PP. ¿Está satisfeita co traballo destes anos?

-Queda moito que facer. Houbo decisións e proxectos de calado que marcan a posibilidade de invertir a tendencia. Este venres inaugurouse un hotel, a semana que vén, unha franquicia ou unha clínica. Foi un traballo intenso. Cando cheguei había un importante pesimismo e unha desmotivación brutal. Non creo en variñas máxicas, só no traballo. É o instrumento para conseguir as cousas. Mire, no caso do premio Galicia Parabéns, a nosa proposta era impecable, por iso gañamos. Presentámonos a todas as convocatorias, estudiámolas de forma rigorosa. E agora imos pola de Vilas en Flor.

-¿Cantas horas ten o seu día?

-O traballo do partido é o máis difícil, require moitas horas; é gratificante cando as cousas saen ben e moi traumático cando non. Analizo calquera enfoque como militante e creo que en política non sobra ninguén. Son muller de carácter, reivindicativa, leal ós principios do partido e ós meus.

-¿Que lle diría á xente que non entende as saídas de Rozas en Lugo, Barcia en Burela, Julia Rodríguez en Monforte ou Bouza en Viveiro?

-Ás veces as cousas non se entenden porque tampouco se explicaron ben, pero co paso do tempo as verdades sempre afloran. Todo o mundo é igual de importante, ninguén sobra no PP. Temos que marcarnos un reto de mellorar resultados en sitios que son mellorables. Temos que intentalo, é unha responsabilidade de todos. Creo que en todos eles hai grandes posibilidades; hoxe están nun sitio e pasado mañá poden estar noutro. A vida política dá moitas voltas. É importante saber entrar e saber cambiar de sitio. Non ataco a ninguén e hai que entender que o partido é o que perdura, o proxecto político está por encima de todos. Tamén nos debemos a moita xente anónima que nunca tivo ningún protagonismo e estivo e está apostando polo partido.

-¿O seu futuro a curto prazo pasa pola política autonómica ou nacional?

-A miña aspiración real, que me custou moito traballo e desgustos, foi recuperar a alcaldía de Mondoñedo. Pero non por min, senón por intentar revitalizar un concello no que creo. Gustariame xubilarme aquí. Teño un arraigo inquebrantable. Non hai outros plans a curto prazo. Nengún. Non teño máis aspiración.

«Traballamos en recuperar a actividade docente cunha universidade sénior»

-Do feito en Mondoñedo, ¿de que se sinte máis orgullosa?

-De moito, pero por exemplo, de dotar ao casco dun aparcadoiro, do PXOM, de pór en marcha as axudas para o polígono e do reforzo no eido social.

-Nestes catro anos por Mondoñedo pasaron Rajoy, os Reis, a Volta Ciclista... ¿quen queda?

-Mondoñedo ten o privilexio de que quen o coñece se enamora del. A mellor estratexia é dalo a coñecer para chegar a persoas que podan ser estratéxicas na súa dinamización. A xente non vén por casualidade. No noso programa ía o obxectivo de reflotar Mondoñedo. O noso casco histórico reúne puntuacion suficiente para estar sempre no 1,5% cultural de Fomento. Recibimos axudas para o aparcadoiro, para arranxar as rúas Lence Santar e Pascual Veiga e nestes días pasados para un proxecto que me estou esforzando en explicarllo a todo o mundo: máis de 258.000 euros para a Praza da Catedral, unha das prazas máis infrautilizadas a pesares de que pola Catedral pasan 28.000 persoas ao ano. O noso obxectivo é que os nosos convidados queden vinculados e comprometidos en calquera ámbito que lle podan axudar a Mondoñedo. Estamos traballando en recuperar a actividade docente coa posta en marcha dunha universidade sénior. O Seminario podería ser unha boa ubicación.

-Confese, ¿que xornada ten?

-Empezo ás 6.30 horas e acabo sobre as 23.30 ou 24 horas nesta época na que hai moito traballo. Senón acabo sobre as dez da noite.