«Temos que mostrar a riqueza que temos, da Mariña á Ribeira Sacra e aos Ancares»

O responsable da APEHL participa estes días na Feira Internacional de Turismo de Berlín


viveiro / la voz

Facer promoción da provincia de Lugo en xeral, e do seu sector hostaleiro e turístico en particular, son as metas coas que o presidente de Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), José Francisco Real (Lugo, 1955), Cheché, participa estes días na Feira Internacional de Turismo de Berlín (ITB). Desde a capital alemana, baixo un frío tremendo e «un vento que escaravella», o responsable do colectivo que agrupa a «entre 600 e 800» negocios de toda a xeografía lucense atendeu onte á tardiña con amabilidade a chamada de La Voz.

-En que consiste a participación da APEHL nesta feira berlinesa?

-En facer contactos con touroperadores e axencias de viaxes, principalmente. Dentro do posto de Galicia temos mesas de traballo nas que facemos eses contactos e mostramos a provincia de Lugo e as súas posibilidades turísticas. Temos que mostrar a riqueza que temos da Mariña á Ribeira Sacra e aos Ancares, O Courel, a Terra Chá ou o río Miño, que é un gran valor. De Galicia somos un grupo de trinta persoas que estamos co Clúster de Turismo de Galicia. Hoxe [por onte] veu o conselleiro, Román Rodríguez, e a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, ademais da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster, Cesáreo González.

-Coñecen algo de Galicia e de Lugo en Alemaña?

-De Galicia o que máis coñecen fóra é Santiago, pero en Alemaña si coñecen máis sitios, como Lugo. Non tanto como as Illas Canarias, pero si van coñecendo lugares. Pero hai que ter en conta que Lugo sae de moi abaixo. É certo que desde hai oito anos hai un incremento do turismo nacional e do internacional, que antes apenas había, pero hai que saír pescar un pouco, non quedarse na casa a esperar a que veña a xente, que tamén está ben, pero hai que facer algo máis.

-E en que consiste na súa opinión ese «saír pescar» desde a provincia?

-En mostrar todo o que temos, en dar a coñecer a riqueza paisaxística, do románico, os Carmiños, a propia Muralla de Lugo, a Catedral de Mondoñedo..., e outras zonas que temos de gran valor como Os Ancares-O Courel. Ao turismo alemán interésalle moito a gastronomía, e enoloxía e a cultura, e nós aí temos moito que ofrecerlles porque hai que recordar que Lugo foi o primeiro asentamento que houbo. Hai que facer esa labor de mostrar, sobre todo a axencias e touroperadores, o que temos nos primeiros días da feira, que son os destinados a profesionais, coma na feira de Londres. Logo a fin de semana a feira é aberta a todo o que queira vir.

-Outro dos actos destacados na cita en Berlín é a presentación da guía «... E para comer, Lugo»?

-«... E para comer, Lugo» é unha marca gastronómica que temos que impoñer máis coa axuda de todos. E difundila porque hai unha labor moi importante que non se coñece e hai que mostrala, falala... Toda a riqueza gastronómica que hai na provincia: os produtores, os queixos, os peixes, os mariscos, as razas autóctonas... É como se montas nunha tenda do que queiras e non a coñece ninguén. Hai que promocionala...

«Ao turismo alemán interésalle moito a gastronomía, a enoloxía e a cultura, e nós aí temos moito que ofrecerlles por toda a riqueza que temos na provincia»

«A promoción é un traballo de formiguiñas, pero hai que facelo para que a xente se achegue»

José Francisco Real leva 12 como presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo. Neste tempo, tanto a difusión da provincia lucense coma o seu tirón turístico deron un xiro de 180 grados debido a moitos factores, como recoñece o responsable da patronal e empresario, que onte tiña previsto participar na recepción que organiza a Embaixada de España en Berlín con motivo da ITB, que ten lugar entre o 6 e o 10 de marzo. «Todos os anos fan a recepción na embaixada, pero este ano vai ser no hotel Meliá Berlín», apuntou Real, que comparte feira con profesionais de Mallorca, Formentera ou Canarias, entre outros puntos da xeografía española.

-Comarcas como a da Mariña lucense reciben cada vez máis visitantes. Dá os seus froitos a promoción dos últimos anos?

-Facemos un traballo de formiguiñas, pero temos que estar aí para que a xente se vaia achegando á provincia. E cando se vaia achegando aos distintos rincóns de Lugo haberá outros profesionais que os reciban con profesionalidade, educación e os produtos que temos de primeiro nivel, como os aloxamentos rurais.

-Os bos produtos, a amabilidade dos profesionais..., son puntos a favor?

-A información que teño e o que percibo é que o labor de darnos a coñecer é imprescindible. A sona da gastronomía e da hostalería de calidade Lugo sempre a tivo, pero sempre a tivo «de andar por casa», e esa sona hai que proxectala e ir un pouco máis aló coa axuda das administracións como o Clúster, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo... Son elas as que nos facilitan estar presentes en sitios como esta feira de Berlín ou a de Londres, onde podemos facer contactos moi interesantes que acaben achegando máis xente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Temos que mostrar a riqueza que temos, da Mariña á Ribeira Sacra e aos Ancares»